«O complicado non é ter a idea dunha novela, senón darlle forma»

Asegura que a súa obra préstase para ser lida nos institutosNatalia Carou Escritora

.

A Voz de Barbantia presentoulle a Natalia Carou unha novela no pasado mes de maio, na Pousada das Ánimas, de Boiro, nun acto que resultou intenso e entrañable. Hoxe conversamos con ela para o noso Suplemento Cultural.

-Natalia Carou publicou a súa primeira novela en 2012, O alento nas costas, pero quero saber se foi a primeira que escribiu.

-Non, foi a primeira publicada, pero había xa varios borradores doutras novelas que aínda vou reescribindo. O complicado non é ter a idea dunha novela, senón darlle forma definitiva.

-Pero, despois de escribir, hai que lograr editar a obra. Foi difícil?

-Non, as tres editoriais ás que enviei a novela contestaron afirmativamente; só tiven que elixir. Foi máis difícil editar a novela en castelán, pois a competencia é moito maior e para un escritor descoñecido é moi difícil, pois os editores reciben uns mil manuscritos ao ano; así que para un escritor descoñecido é case practicamente imposible chegar ao editor que pretende e o proceso pode resultar frustrante”.

-Interésome por saber cando naceu en Natalia o desexo por contar historias.

-O meu interese por escribir xurdiu de xeito paralelo ao interese pola lectura. Medrei nun internado, lonxe da familia, e os libros eran un xeito de aturar o illamento. Cando viña á casa fixábame no traballo que deixara meu avó, que faleceu co desexo incumprido de publicar a súa obra. Eu decidín que cumpriría ese desexo por el.

-Canto tempo soes empregar en escribir unha novela?

-A redacción da historia, cando xa está feito o traballo de documentación, que é o máis custoso, lévame uns meses, pero as correccións poden levar case un ano. Cústame moito dar por válida unha páxina.

-Que che custa máis á hora de escribir?

-Para min, corrixir, reescribir, dar por boas as palabras que quero empregar.

-As dúas novelas que levas publicado en galego teñen dous planos, un no pasado histórico e outro no presente.

-Penso que así son máis doadas de ler. As dúas novelas en galego teñen un forte contido histórico e vounas alixeirando con outro relato que conteña unha temática actual, coa que o lector se identifica de maneira máis doada.

-Por que a Galicia medieval nas túas novelas galegas?

-Hai pouca literatura ambientada nesa época, unha das máis interesantes da historia de Galicia. Hai miles de libros sobre a Guerra Civil, pero hai moi pouco escrito sobre o pasado máis remoto, que é o que eu fago para espertar a curiosidade do lector e obrigalo a consultar datos que moitos xa tiñamos esquecidos dende a etapa escolar.

-Tamén as lendas galegas teñen moita presenza nas túas obras.

-A lenda da aldea abandonada de Abuín, que moitos coñecen por «a aldea maldita» xa a recollía Castelao no seu relato Camiño esquecido, e a miña familia paterna, que é de Rianxo, foi a que me contou a lenda e me explicou onde quedaba esta aldea; así que alá fun investigar, en busca dunha historia interesante. Manter a nosa cultura popular é indispensable, temos que deixar esa herdanza aos nosos fillos, pouco presente nos libros de texto.

-Pregúntolle agora polos lectores aos que van dirixidos os seus libros.

-As miñas novelas foron escritas orixinariamente para os adultos, aínda que, pola temática histórica que conteñen, préstanse moi ben para seren lidas nos institutos, dado que os profesores as aproveitan para profundar e debater temas de grande interese para os adolescentes, tales como as drogas e o maltrato.

-Natalia é autora tamén dunha novela en castelán, Mariposas tristes (2017).

-É unha obra ambientada na Galicia de comezos do século XX, unha historia de superación. A historia dunha rapaza abandonada pola súa nai na Alameda de Santiago, que busca a súa familia nos suburbios desta cidade e quere saber que ocorreu cos seus parentes desaparecidos, ademais de intentar recuperar o seu patrimonio, un pazo familiar coas súas adegas na Ribeira Sacra.

-Falamos agora d’A cova da Moura, publicada en maio deste ano.

-Foi a primeira novela que encetei. Xurdiu dunha viaxe ao pazo de Soutomaior hai máis de dez anos. As protagonistas son dúas mulleres, Cleofar, na época medieval, e Malena, na época actual. É a historia da busca dun tesouro por Malena que vai pór en perigo a súa vida. Na obra están presentes a violencia de xénero, o afán de poder, os abusos. Son problemas que aínda non superamos. Gustaríame que a novela influíse na mocidade para facela reflexiona sobre estes temas tan de actualidade.

-Pregunto a Natalia pola literatura en xeral.

-Para min é poder vivir moitas vidas diferentes; tamén me serve para aprender e estimular a imaxinación e poder transmitir distintas sensacións.

-E remato indagando sobre a lectura.

-Indispensable para escribir, para aprender.

A lectura é imprescindible para ser autora

Natalia Carou Figueira deuse a coñecer como escritora no ano 2012 coa novela O alento nas costas, unha obra que reúne unha historia medieval e unha historia contemporánea, ás que se une a lenda de Abuín, no termo municipal de Rianxo, a chamada «aldea maldita», que xa recollera Castelao nas súas Cousas, no relatiño Camiño esquecido.

 

 

No ano 2017 tira do prelo, na editorial Baía, outra novela, A cova da moura, inspirada no pazo de Soutomaior, na que volve empatar a historia medieval de Galicia co mundo contemporáneo, con dúas protagonistas femininas moi fortes, e na que agroman temas universais: o amor, o abuso de poder, o problema das mulleres, a guerra, o misterio. E non esquece, outra volta, o mundo das lendas históricas galegas. Sempre con ritmo áxil, ben documentadas.

Seguir leyendo

Votación
4 votos
Comentarios

«O complicado non é ter a idea dunha novela, senón darlle forma»