Carta ao sindicalista paciente

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

20 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Prezado Xosé: Acabas de poñer fin a toda unha vida de sindicalismo, que tiven a inmensa sorte de compartir contigo en varios momentos; inicialmente, cando empezaba nesto do xornalismo, naqueles tempos nos que a información estaba nas mans de comunicadores, e non de calquera que por ter catro palmeiros no aparello móbil xa se cre o rei do mambo e ata se atreve a proclamar «a liberdade de expresión é miña», como fixera aquel ministro da Gobernación coas rúas para frear aos sindicatos cando a democracia era imparable e semellaba que tiña medo a perder o seu estatus; e logo, como afiliado a Comisións Obreiras, unha etapa da que me sento orgulloso e na que sempre che tiven preto para todo o que necesitaba co fin de exercer o mellor posible a representación dos meus compañeiros.

Xosé, xa non queda xente coma ti, entregada á causa día e noite, permanentemente conectada para atender á clase obreira, penso que incluso facendo vida no local; nin coa túa paciencia, esa forma de comunicar paseniña, o teu permanente sorriso que derrubaba a imaxe do sindicalista que nos pintaban con cornos e gadaña disposto a acabar coas empresas.

Querido Xosé, oxalá que o resto da túa vida che compense o teu esforzo e dedicación, pero estou convencido de que o mundo necesita máis que nunca xente activa coma ti, que non se deixe engaiolar por prebendas e cantos de serea a costa dos traballadores, que, nos últimos tempos, perderon tantos dereitos que ata teñen medo a queixarse, non vai ser que, por encima, se queden sen eses soldos miserentos para ir tirando.

Temo que ninguén vai coller a testemuña da túa combatividade, grazas á que, neste país hoxe tan espoliado, os traballadores acadaron altas cotas de benestar que nos últimos anos minguaron polo latrocinio das clases dirixentes que repercuten o desfalco nos petos duns cidadáns que semellan pampos.

Teño a sensación de que a campaña de descrédito posta en marcha contra os sindicatos funcionou moi ben, porque as organizacións parece que están desactivadas, cousa nunca pensable naqueles tempos de pancarta e altofalante nos que abrías as manifestacións e as protestas que fixeran falta para gañar dereitos.

Xosé Lamela, xa che estou botando en falta, de feito, boto en falta a moita outra xente que, naqueles tempos de xornalismo de rúa e de porta en porta, fostes mestres para min, porque todos me destes leccións e formación para ser o que son hoxe. Presumo de ter compartido grandes momentos contigo e con outras persoas que facían do respecto bandeira, cousa que non ocorre agora.

Grazas compañeiro.