«As nosas áreas de traballo son das máis destacadas do goberno»

La Voz

BARBANZA

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Teno dito en máis dunha ocasión, e agora que se cumpren dous anos desde o inicio do mandato, José Pérez Martínez, presidente e voceiro do NOIA, reafírmase en que a súa formación non se arrepinte do camiño tomado cando decidiu apoiar a Santiago Freire e devolverlle a alcaldía ao PP. Cre que os froitos deste novo goberno están aí para ver: «O pobo valorará se foi un acerto ou non».

-É inevitable preguntar pola moción de censura, ¿que os levou a cambiar en poucos meses de parecer sobre a alianza co PSOE?

-A primeira investidura foi un erro, quixemos darlle unha oportunidade a un goberno alternativo, pero cun PSOE no que ninguén tiña experiencia de xestión, e ademais estando en minoría, era imposible. Os concelleiros do NOIA asumimos unha gran carga de traballo e viamos que aquilo non ía a ningunha parte, non saían adiante cuestións importantes coma o plan xeral ou a relación de postos de traballo, non houbo nin a primeira reunión para elaborar os orzamentos.

-E decidiron apostar polo cambio de goberno.

-Actuamos con responsabilidade, sen importarnos as consecuencias electorais, porque vimos que sen un cambio o Concello ía sufrir catro anos de parálise. O do PSOE foi un goberno débil de inicio, a Marea e o BNG tiveron a oportunidade de entrar e non quixeron, e iso fixo que fora inviable. O cambio foi bo, fixéronse moitas xestións e lográronse compromisos que se están cumprindo para actuacións promovidas polo NOIA, coma o PXOM, o pavillón de Bergondo, o Museo do Mar ou o depósito para o subministro de auga.

-Con só dous edís, ¿que peso ten o NOIA no goberno actual?

-Case o mesmo que se fóramos un goberno paritario, as nosas propostas son tidas en conta na mesma proporción que as do PP. As nosas áreas de traballo son das máis destacadas do goberno.

-¿Conviven en sintonía co PP?

-Existe cordialidade entre persoas de distintos grupos, cada un traballando na súa área polo ben dos veciños. Temos unha relación máis estreita co alcalde, que está demostrando sacrificio e capacidade de traballo. É fácil chegar a acordos cunha persoa razoable.