«Nos concertos contamos unha historia con música e ilustracións en directo»

A. Novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS MÍGUEZ

Presentará en Rianxo o seu disco «Desconhecido» mentres Torterolo fai debuxos

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O auditorio de Rianxo abrirá esta noite as súas portas, ás 21.00 horas, para ofrecerlle ao público unha innovadora proposta musical. Trátase dun concerto que se complementa con debuxos en directo. Xiao Berlai, mestre no colexio de Dodro, pero moi vinculado a Barbanza polo certame audiovisual Olloboi, en cuxa organización participa activamente, presentará o seu primeiro disco, Desconhecido, arroupado por unha banda da que forman parte Iago Mouriño, Pablo Pérez e Bruno Couceiro; e tamén por Ernesto Torterolo, que lle irá dando forma en directo a ilustracións estreitamente relacionadas coa letra dos diferentes temas. Berlai situouse diante dos micrófonos de Radio Voz para adiantar algúns detalles da cita cos rianxeiros, que asegura, será especial.

-Presenta o disco como unha historia de amor, ¿cal é a trama?

-É unha historia de amor, pero tamén de desamor e de loucura. É unha historia real, que se repetiu moitas veces en Galicia seguramente e nun rural moi concreto. É unha decisión persoal do meu tío Alfonso ante unha imposición social concreta, a prohibición dun amor que el tiña por cuestións económicas. El tomou unha decisión valente e rebelde, unha rebeldía pacífica, que ao final o puido levar a certo grado de loucura. A súa vida sempre me pareceu apaixonante e unha vez que morreu, porque el non nos deixaba entrar na súa casa, descubrín varias cousas que quixen contar.

-¿Pode dicirse entón que este traballo é unha homenaxe a ese tío?

-Si. De feito, a primeira canción que fixen, a que abre o disco, fíxena como algo necesario despois de entrar na súa casa. Nunca compuxera nada con letra propia e quedou gardada. Anos despois foise fraguando a idea de poder dedicarlle un disco enteiro á súa historia.

-E para poder sacar á luz este disco, recorreu a unha campaña de micromecenazgo, parece que esta é a mellor vía agora mesmo para os músicos.

-Non sei se é a mellor maneira, pero seguro que ás veces é a única posible. No noso caso saíu moi ben, supoño que tamén pola traxectoria dos músicos e do ilustrador, porque a historia tamén se conta nunha banda deseñada. A campaña víñanos ben porque non sabiamos canto custaría sacar á luz un libro de cen páxinas e máis un disco. Arriscámonos para ter unha axuda. O certo é que nos permitiu ter liberdade artística.

-¿Como é esa fusión entre un disco e un libro de banda deseñada?

-Funcionan por separado, poderíase ler o cómic sen escoitar a música e á inversa, a música pode escoitarse como un disco habitual. O que nós recomendamos é facer unha primeira escoita conxunta. A experiencia da xente que fai isto é satisfactoria. Hai quen nos di que, de forma conxunta, éntrase moito mellor na historia. Feita a primeira escoita, está ben sentirse libres para volver aos debuxos e ver os mil detalles que hai nas ilustracións, moitas dobres intencións, porque é unha banda deseñada poética e suxestiva.

-¿Como vai ser esa presentación en Rianxo?

-Nos concertos contamos unha historia con música e ilustracións en directo. Loxicamente, os debuxos que fai Ernesto Torterolo nas actuacións non poden ser os do cómic, porque os tempos non se corresponden, pero si que vai habendo un diálogo entre os debuxos e o que nós cantamos, achegando unha segunda visión ao que se está dicindo. Este concerto é especial, porque actuamos preto da casa e imos aumentar o directo respecto a outros para darlle máis profundidade á historia. Vai ser un concerto moi fermoso.

-¿Que importancia ten a tradición galega en Berlai?

-Influenzas hai moitas. Definímonos ao noso estilo, de feito, como indie rururbano, pero a música tradicional está moi presente. Unha das cancións que máis está gustando, Cruzei mares, ten ritmo de muiñeira vella. Hai moitas letras tradicionais que se rescatan, se reescriben e se reinterpretan cos sentimentos do personaxe e coa situación que está vivindo. Eu veño de Fía na Roca, levo toda a vida facendo música folk, polo que é algo que me acompaña.

-E, cambiando da música ao eido audiovisual, o seu grupo de alumnos do colexio de Dodro ven de facerse co premio Olloboi Zamburrioi, ¿cal foi a reacción?

-Levamos facendo vídeos musicais moito tempo no colexio de Dodro e este premio, que ven sendo o máis grande do certame, é un recoñecemento a ese esforzo. Acollémolo con gran ledicia.