«O reuma pode causar a morte»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Álvaro Ballesteros

Uns 800.000 galegos, moitos deles nenos e mozos, sofren esta enfermidade

15 jun 2017 . Actualizado a las 07:59 h.

Hai persoas ás que as adversidades, lonxe de afundilas nun escuro e profundo pozo, as fan máis fortes, dándolles unhas imprescindibles gañas de loitar para saír a flote. Por fortuna, ese foi o caso de Ana Vázquez. Cando tiña só 8 anos foille diagnosticada reuma, unha enfermidade que por descoñecemento se soe asociar á xente maior, pero que na súa vertente máis agresiva aposta en moitas máis ocasións das desexadas por atacar corpos novos. Súa nai foi a primeira en emprender a batalla, integrándose na Liga Reumatolóxica Galega nada máis coñecer a súa existencia. Aquela cativa que medrou sufrindo os ataques dun mal que cría imparable é desde hai oito anos a presidenta dunha entidade que ten como meta fundamental dar a coñecer unha doenza da que aínda se sabe moi pouco.

Cando Ana Vázquez fala da enfermidade que padece e da asociación que lidera non pode evitar comezar coa que considera unha aclaración fundamental: «O mal chamado reuma é un conxunto de máis de 250 doenzas e, a maior parte delas, afectan a persoas novas. É certo que dous dos males máis coñecidos, a artrose e a osteoporose, están vinculadas a maiores e quizais por iso se asocia máis a enfermidade en xeral con este colectivo».

Esta ribeirense, que leva anos tratando de gañarlle a partida a un mal que, a pesares das fondas pegadas que deixou no seu físico non lle impide exercer como logopeda e terapeuta ocupacional, non oculta que a batalla é longa e complicada: «Non se vive, malvívese. Hai investigacións e tratamentos punteiros que fan que a calidade de vida mellore, pero o reuma causa cansazo, rixidez, dor... e incluso afecta a órganos vitais. Hai pacientes transplantados de ril, con fallos cardíacos ou con fibrose pulmonar».

Das súas palabras é doado concluír que o reuma é una enfermidade moito máis grave do que pode parecer: «O común da xente pensa que só afecta ás articulacións e aos músculos, pero o certo é que pode causar danos irreversibles nos órganos. O reuma pode causar a morte». Ana Vázquez pensa que, no seu caso, o feito de ter a doenza desde cativa a axudou a levala con máis fortaleza e optimismo: «Os nenos adáptanse mellor aos cambios e cando non coñeces outra vida mellor, non a botas en falla. As diagnoses en adolescentes ou en persoas duns 30 anos soen ser máis dramáticas».

Como en tódalas enfermidades graves, descubrir a doenza cando aínda está na fase inicial é o mellor dos tratamentos posibles. E aí radica precisamente un dos retos da Liga Reumatolóxica Galega. O problema ,como case sempre, é que recoñecer os síntomas non é doado: «Hai que poñerse alerta cando hai unha dor que non desaparece nunha articulación, cando hai inflamación e mesmo rixidez. Cando a dor se mantén ou incluso se intensifica no tempo hai que sospeitar».

Campaña de divulgación

Co fin de divulgar a enfermidade e de desterrar os faltos mitos que aínda existen ao seu redor, a asociación que preside esta barbancesa emprendeu unha campaña que está a percorrer diferentes localidades de Galicia. Consiste nun ciclo de concertos para os que a entidade conta coa colaboración do grupo 7Setenta. A maiores, este domingo a Liga Reumatolóxica Galega levará a cabo en Ribeira unha gala solidaria: «Elixín esta cidade porque é o lugar onde nacín. A xente de aquí coñeceu a miña peor cara, a dunha nena que desaparecía longas tempadas porque sempre estaba hospitalizada, a dunha moza cunha forma de camiñar que impactaba. Agora volvo con esa mesma enfermidade, pero con máis optimismo».

Ana Vázquez quere transmitirlle esta positividade a todas aquelas persoas que están iniciando a batalla contra o reuma ou a aquelas que se poidan atopar con este obstáculo no seu camiño: «Eu cheguei tarde e sei que se a alguén lle diagnostican agora a miña doenza non vai chegar a sufrir o meu deterioro. Tampouco me podo queixar, accedín hai unha década a un tratamento punteiro que freou os avances da enfermidade. Se non fose por iso, agora mesmo podería estar nunha cadeira de rodas». Consciente de que o reuma non vai desaparecer, esta ribeirense busca que a doenza sexa máis levadeira para os 800.00 galegos que a sofren.