«Perdín o medo a cantar en galego»

No disco que está a preparar, o noiés sorprende ao aparcar o seu inglés habitual


ribeira / la voz

A piques de encerrarse no estudo para gravar o que será o seu primeiro disco de larga duración, Javier Rodríguez, tamén coñecido como Jerry Noia ou Sleeping Cat, desembarca na súa terra, concretamente na praza do Curro (maña, 23.00 horas). Trátase dun dos derradeiros concertos da xira con In the forest, no que promete agasallar aos asistentes cun adianto do que será o seu novo traballo. Ollo, porque ven cargado de novidades, tanto no estilo coma no idioma empregado

-Viaxe ao pasado, ao nacemento de Sleeping Cat. ¿Como foi?

-Naceu da necesidade de ter un proxecto unipersoal, no aspecto de que eu xa levaba unha bagaxe con diferentes grupos que, por motivos diversos, acababan disolvéndose. Eu quería un proxecto que garantise unha continuidade. Aínda que son eu só, cando a situación o esixe, levo unha banda. Ten unha garantía, non vai desaparecer ata que eu me aburra.

-Desde aqueles comezos ata agora, ¿como foi a traxectoria?

-Como teño diferentes ocupacións, xa que por desgraza un non pode vivir exclusivamente da música, para o tempo e o esforzo que lle dediquei, tiven moi boa aceptación. Teño dous traballos publicados e estou camiño do que será un disco de longa duración.

-¿Cales son as súas influenzas ou referencias?

-O principal é o folk americano, aínda que tamén hai influenzas de grupos que escoitei desde pequeno, coma The Beatles ou Simon and Garfunkel. Todos aqueles grupos dos 60 e 70 que estaban cheos de harmonías vocais, que iso é algo que non podía facer en outros proxectos nos que participei. Ultimamente estou tamén absorbendo o que lle chaman o novo folk, unha variedade na que se empezan a mesturar sons máis electrónicos, pero sen descoidar a faceta acústica que tanto me gusta.

-Chega a Noia nunha especie de xira de despedida, ¿é así?

-Si, nunca se di final da xira, porque cando tes un proxecto novo sempre acabas metendo temas de traballos anteriores, pero si que este ano quixen darme un respiro en canto a actuacións para centrarme na gravación do disco.

-E xa avanzando temas dese novo traballo, ¿non si?

-Nestes últimos concertos, desde o verán ata agora, estou presentando catro cancións que van estar no novo disco e a xente está aceptándoas moi ben. Alégrame, porque son cambios importantes no son e mesmo na linguaxe. Salto do inglés que viña empreñando ao galego.

-¿A que se debe ese salto?

-O cambio de idioma vén dado por ver que había moita xente que me comentaba que o inglés era unha barreira. Non o valorei así cando comecei o proxecto, porque sentía que o folk americano había que cantalo en inglés. Non quere dicir que me equivocara, pero agora véxoo algo así como que se quero invadir o mundo debería empezar primeiro pola casa e ir cara fóra. Tamén, de varias veces que colaborei en proxectos cantando en castelán, vía que a xente respondía moi ben. Foi como que ía recibindo sinais de que algo había que cambiar, romper barreiras e facilitar as cousas. O galego é a primeira opción, pero tocando fóra de Galicia, penso que hai que darlle á xente a posibilidade de mercar unha versión en castelán. O disco físico sairá en galego exclusivamente, pero haberá unha versión dixital en castelán.

-¿En que punto está agora ese traballo?

-Fáltanme poucos temas por acabar de producir. Estou facendo arranxos e gravando maquetas de como quero que soe o disco e unha vez que teña o material listo, entrarei no estudo. Saquei un adianto hai uns meses, Dispara. En breve lanzarei o segundo tema, que dará pe a unha campaña de mecenado para tentar conseguir fondos e editar o disco con maior celeridade. Penso que non haberá problema en sacalo despois do verán.

-Están funcionando bastante ben estas campañas.

-Estas campañas son para nós unha garantía e tamén nos din o apoio co que contamos. Para nós é difícil vender os discos de outra maneira, sobre todo cando tes un proxecto independente e non tes unha produtora detrás. Se nunha campaña de mecenado se venden 200 discos xa é unha cifra importante.

-¿Como é ese Dispara, o primeiro adianto?

-Ten o son acústico e folk que eu viña facendo. Ven sendo a miña esencia, pois gústame evolucionar pero, ao mesmo tempo, lembrar as raíces. Dispara é un tema totalmente acústico, cunha guitarra eléctrica moi suave. Tiña medo cando saíu, pero a xente aceptou moi ben a canción e mesmo me animou a seguir por esa vía, a cambiar de lingua e a defender a nosa, a non ter complexo a cantar en galego. No meu caso era máis un tema de sonoridade. Agora estou en disposición de dicir que perdín o medo a cantar en galego.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Perdín o medo a cantar en galego»