Os longos camiños do noso Andatón


Eramos uns monicreques, uns ninguén de ningures cando botamos por primeira vez a mochila ao lombo para facer o noso debut no Andatón. Viviamos a semana previa coa euforia dos grandes momentos, coa dúbida de se estabamos preparados para o inxente reto que se mostraba ante nós. Intentabamos ter todo controlado: as mudas, o saco de durmir, os cincuenta pares de calcetíns, o calzado... Recoñezo que eu sempre deixaba todo para o último día, momento no que a miña nai botaba fume polas orellas ao verse obrigada a comprarme, a toda présa, o cento de cousas que me faltaban.

O Andatón naceu da paixón que sentía Vicente Fernández pola natureza. Consiste en dous días de camiñadas por aqueles recunchos de Ribeira que nunca pisáramos. Aproveitabamos para visitar cada monte, cada fraga e cada regato que atopabamos nun treito que, nos días nos que mallaba o sol con forza, chegaba a parecer eterno. Cando boto a mirada atrás, vexo que foi a primeira proba de vida que afrontamos, lonxe dos nosos pais, sen esa rede de seguridade que salva ao equilibrista dunha caída mortal.

Para nós era un dos exames máis duros do curso, pero afrontabámolo cun sorriso, sabedores de que remataríamos esa proba máis fortes, aínda que o fixéramos cos pés machucados e desfeitos polos quilómetros percorridos. Era un prezo xusto, que pagábamos con ganas.

Máis que unha camiñada eterna era un momento de simbiose, coa natureza, con Ribeira mesma e con todos os compañeiros cos que compartiamos pupitre. Acompañados dos amigos que aínda o son a día de hoxe, sobrepoñiámonos aos retos. Ao río que non había maneira de saltar. Á costa que parecía demasiado alta para chegar ao seu cumio. Cando faltaban as forzas, eran outros os que chas transmitían. Cando necesitabas un grolo de auga para continuar, era un deses compañeiros o que che regalaba o seu último sorbo, que tiña gardado para máis adiante.

A día de hoxe, cando me reencontro con aqueles compañeiros cos que percorrín ata o último camiño de Ribeira, volvemos recordar as historias que vivimos aqueles días. Aquela do colega que se perdeu no Tahume e non había maneira de atopalo. A do que chamou á nai para non ter que camiñar a recta de Corrubedo. A nosa favorita é a dun fenómeno único, que non deixaba descansar a ninguén e que rematou co saco de durmir pegado ao do director, que lle fixo unha marcaxe en curto. Onte outra camada de rapaces botou ao lombo as súas mochilas para debutar no Andatón sen ser conscientes de todo o que vivirán nestes días.

O primeiro camiño que andamos solos nunca se esquece, por moitos recordos que poida levarse o tempo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos

Os longos camiños do noso Andatón