Estoupa en Barbanza a festa da cultura

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Barbantia leva a cabo unha nova edición da Romaría das Letras, mentres Noia lembra a Antón Avilés e María Mariño

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que hai xa uns días que a influenza da conmemoración do Día das Letras Galegas se deixa notar en Barbanza coa proliferación de actividades, será hoxe cando un gran terremoto cultural sacuda a comarca. Hai propostas en case tódalas localidades.

Romaría en Goiáns

Hoxe • Finca de Goiáns (Boiro) • 11.00 horas • Barbantia volverá a converter un ano máis os arredores do pazo de Goiáns nun fervedoiro cultural. A Romaría das Letras, que chega á súa sétima edición, inclúe actividades ao longo de toda a xornada, entre as que destacan unha sesións de xogos tradicionais (11.30 e 15.30 horas); a presentación dos libros Protexer o invisible, de Xaime Toxo (16.00 horas), e Da Moura á Shelle-Na-Gig, de Milagros Torrado (16.45); o espectáculo sobre Carlos Casares a cargo do noiés Serafín Marcos (17.30); a representación de A galiña azul a cargo da compañía Airiños; e o concerto que Davide Salvado ofrecerá ás 20.30 horas, como peche.

 

 

Ofrenda en Noia

Hoxe • Casa de cultura de Noia • 12.00 horas • Os actos comezarán en Noia coa inauguración da xa tradicional mostra filatélica, unha exposición que cumpre medio século. Para conmemorar esta efeméride, a asociación numismática local amosará o material que se foi editando ao longo destes anos, ao tempo que estreará un selo e un mataselos dedicados a Carlos Casares. Trala apertura desta mostra haberá unha ofrenda floral diante dos bustos de Antón Avilés e María Mariño, onde realizará una intervención Serafín Marcos. O colofón será un concerto (igrexa de Santa María A Nova, 20.00 horas) coas corais Eixel de Cedeira, Cantares do Miño e a Polifónica de Noia. A maiores, da man dos Chiquiteiros, media ducia de agrupacións folclóricas estarán percorrendo o casco histórico ao longo de todo o día.

 

 

Entre Ribeira e Aguiño

Hoxe • Praza do Concello de Ribeira • De 12.00 a 14.00 horas • • Aguiño • A partir das 16.30 horas • Con xogos populares e cun obradoiro literario arrancarán en Ribeira os actos organizados pola Concellería de Cultura co gallo do Día das Letras. Polas rúas da cidade espallarán os sons tradicionais Xoldra Rachada, Xiada e Arume. Xa pola tarde, o centro de operacións será Aguiño, onde a asociación Lorenzo Mariño ten preparadas varias propostas, entre as que figuran un parque de inchables, unha xornada de debuxo e un espectáculo de maxia, que correrá a cargo de Dani García.

 

 

Homenaxe en Fruíme

Hoxe • Adro da igrexa de Fruíme (Lousame) • 12.00 horas • Xosé Manuel Rivas, profesor de Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e autor dun libro sobre Diego Antonio Zernadas de Castro, o Cura de Fruíme, participa na homenaxe que se lle renderá ao escritor.

 

 

Feira na Pobra

Hoxe • Xardíns Valle-Inclán (A Pobra) • De 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas • Libros, cadros, esculturas e pezas de artesanía invadirán os xardíns Valle-Inclán. Será con motivo do arranque dunha feira que se prolongará ata o domingo. As casetas estarán ocupadas, nesta primeira xornada, polas editoriais Axóuxere e Toxosoutos, as asociación Amigos de Valle-Inclán de Vilanova e Ambar, os artistas Cayetano Sánchez e Pitura Rivas, e os artesáns Elena Tubío, Ola Boneca, Mariví, Makradelik e Diane Onlooker. Ás 11.00 haberá unha sesión de contos con Pedro Brandariz.

 

Viaxe ao 1906

Hoxe • Taragoña (Rianxo) • 10.30 horas • Un mercado tradicional e artesanal será o eixo da Feira de 1906 que se desenvolverá en Taragoña. As 18.00 horas haberá un serán con Fogo Fatuo, Tixedal, A Dorniña de Abanqueiro, Estóupele, Nunca é Tarde e Charamuscas; mentres que o grupo Leo de Matamá poñerá o broche ás 21.00.

 

 

Risas no Son

Hoxe • Casa de cultura de Porto do Son • 18.30 horas • O cómico Pedro Brandariz subirase ás táboas da casa de cultura sonense para presentar o monólogo Profundizando na Galicia profunda. Previamente, ás 17.30, os máis pequenos poderán gozar da música e dos contos de Pablo Díaz.

 

 

Sen ruta en Mazaricos

O Concello de Mazaricos tiña programada para hoxe unha ruta polos lugares de interese cultural e histórico do municipio, pero debido ás previsións de mal tempo, decidiu suspender a actividade. Foi fixada para o vindeiro día 28, ás 16.00 horas.