A intérprete dun mundo construído en versos

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Incansable, acaba de recibir o Premio da Crítica e afirma que a cabeza lle pide novas formulacións poéticas

07 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que fosen as historias que súa avoa lle relataba «cun ritmo perfecto», ou aquel poema que dona Carme recitou aquel día no que, con 4 anos, súa nai a levou á escola, ou pode que Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, 1961) estea feita de poesía. A maxia das palabras que dende a escuridade atopan a luz convertidas en versos non é algo que ela constrúa coma unha imposición, senón que xurde coa mesma naturalidade coa que un río busca o seu camiño cara o mar. Por iso, a Eva Veiga da mocidade non vía a poesía coma unha profesión, porque forma parte da súa esencia e vai máis alá dun medio co que gañarse a vida.

Observadora do mundo e cunha curiosidade sempre insatisfeita, Eva Veiga quería ser xornalista «desde que escoitei por primeira vez a radio» e, como ela manifesta, «o que soñas de verdade cúmprese .Non o que fantaseas, que é unha nube pasaxeira». Así que ata 1993 exerceu de xornalista, primeiro escribindo nun diario mentres estudaba Filoloxía Inglesa e, a partir de 1985, traballando na TVG: «Atopei un anuncio na Facultade de Xeografía no que se ofertaba a realización dun curso de radio e televisión e escribín. En realidade, chamáronme para facer unha entrevista para televisión e fixen unhas probas que, incriblemente, pasei. Eu nin tan sequera sabía que se estaba a formar a TVG. Cando cheguei pensei en marchar. Dicíame, ¿que fago eu aquí?, pero a curiosidade pérdeme».

Directora de documentais

Relata que en televisión fixo de todo: «Gocei moito». Dirixiu un espazo de entrevistas e acabou ao fronte dunha serie de documentais, Galicia no tempo, que tiveron un gran recoñecemento fóra da comunidade: «Foi un espazo que axudou moito a poñer en valor o patrimonio».

Lembra que traballaba arreo, pero sempre había oco para a poesía e, xustamente, nesa etapa nace Fuxidíos, unha obra pola que en 1993 obtivo o premio Esquío. Nin sequera foi ela quen enviou o traballo ao certame. Foi ese o empuxe dunha carreira chea de éxitos, que acaba de acadar unha nova cota co Premio da Crítica polo seu libro Soño e vértice.

Esa necesidade de expresarse mediante a arte foi a que aproximou a Eva Veiga a un recoñecido creador noiés, Alfonso Costa, para que a muller que ten o seu Ombre natal sempre presente atopase tamén un fogar en Camboño.

Cada un no seu, os dous constrúen xuntos, unindo imaxe gráfica e poesía en traballos como A distancia do tambor, un libro no que Costa fixo a ilustración da portada. Tamén o talento de Eva Veiga foi recoñecido en Barbanza, onde a Asociación Cultural Barbantia lle entregou no 2011 o Sereo á Cultura Galega. Ela participa activamente do movemento creador da bisbarra, como espectadora e como integrante activa nas máis diversas esferas.

Foi a vida, que marca o camiño, a que propiciou que a xornalista acabara dedicada á poesía que, a fin de contas, «sempre percibín como un modo de ver e sentir o mundo». Unha enfermidade retirouna da pantalla, da que de cando en vez confesa sentir nostalxia: «Cando souben que non podía volver á televisión cambiei o chip e dirixinme cara a outra vocación da miña vida».

Desa longa convalencencia nace outro libro, Paisaxes do baleiro, e, pouco a pouco, fóronse sumando publicacións e premios. Pese ao recoñecemento conseguido, Eva Veiga asegura que cando publica unha obra «estou chea de medo por ver se eu acadaría a comunicar o que experimentei. Que che dean un premio non fai a obra mellor nin peor».

A necesidade de comunicarse, de construír en versos esa maxia das súas orixes, da súa observación do mundo é o que move a Eva Veiga a buscar na escuridade «ata que aparece un verso que che trae a luz e, cando iso sucede, queres compartilo nun libro». Sen embargo, Veiga recoñece que, unha vez feita a obra, precisa distanciarse dela e presentalo a un premio é o medio que lle permite afastarse o suficiente para continuar na pescuda de novos versos que dean forma ás súas emocións.

De feito, despois do libro polo que recibiu o Premio da Crítica, Soño e vértice, escribiu Silencio percutido, «unha obra que di moito de min, é un libro da orixe». E agora, explica que «a cabeza estame pedindo outra formulación do poema, porque teño algo que contar que non sei».