Máximas de Chamfort para reivindicar humanidades

Ramón Ares Noal
M. ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO< / span>

Barbantia abandeirou a presentación da tradución da obra do francés, feita polo mestre Raúl Gómez

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Que corren malos tempos para as humanidades é unha evidencia que se constata coa teima de ir retirando dos plans de estudos todas as materias que teñan que ver coa creatividade, a cultura e o pensamento, ultimamente coa filosofía no punto de mira. Por iso parece contraditorio que haxa quen pase o arduo traballo de facer a tradución dunha obra filosófica francesa ao galego, e máis aínda que exista unha editorial disposta a publicar o libro, e, por encima, quen non dubide en abandeirar a presentación, e asistir a ela.

Pois todos eses piares xuntáronse no centro social de Boiro con motivo do acto mensual da Asociación Cultural Barbantia, ao amparo da que o mestre Raúl Gómez Pato, que exerceu hai anos no instituto Leliadoura de Ribeira, presentou a súa tradución do libro de máximas Produtos da civilización perfeccionada. I. Máximas e pensamentos. Pequenos diálogos filosóficos.

Máximas vixentes

A directiva de Barbantia Isabel Santos presentou a Raúl Gómez, que foi compañeiro de carreira en Filoloxía Clásica. Cualificou o ensaio de fresco e contundente, destacou que pode lerse desde calquera páxina e que moitas delas están plenamente vixentes. Da tradución, subliñou que está «ben feita, non está acartonada e está ben captada».

Por parte da editorial, interveu Moisés Barcia. Explicou que Raúl Gómez dirixe a colección Vétera, da que forma parte a obra. Manifestou que Rinoceronte distínguese por editar «cousas a desmán», e que no caso desta colección, dáselle prioridade aos clásicos: «Raúl colleu o encargo e estanos a sorprender coa súa selección. Consta dun catálogo interesante e orixinal. Espero que o resultado vos pareza interesante», concluíu.

Pola súa banda, Xesús Laíño, especialista en literatura, explicou as particularidades de Nicolas Chamfort, como participou no asalto á Bastilla, apoiou a Revolución Francesa, entrou na corte, para rematar afastado de todo aquel movemento histórico, o que estivo a punto de custarlle unha vida que el mesmo quixo rematar suicidándose, o que de feito conseguiu polas feridas infectadas dun segundo intento. Falou de Raúl Gómez, do que foi compañeiro no Leliadoura, e da súa obra.

Agradecemento

Gómez tamén centrou boa parte da súa intervención en Chamfort, despois de agradecer tanto as intervencións previas como á editorial Rinoceronte. Acto seguido, regalou á audiencia un feixe de máximas aplicables a diversos eidos da vida, a maioría delas totalmente vixentes.

Pechou o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, quen defendeu as humanidades, o pensamento, a filosofía e a sabedoría clásica, para forxar ao individuo.