Unha historia de Outes

román arén

BARBANZA

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoán F. García Suárez publicou, en colaboración con Xoán Mariño Reino, unhas Efemérides de Outes, en 1998, e agora en solitario recolle a historia de Outes dende a Restauración do século XIX ata os primeiros anos da democracia. Unha boa noticia para os habitantes deste municipio, pois se tiñamos moi ben estudado o seu patrimonio artístico por Xoán Mariño, non contaban cunha obra de conxunto sobre a súa historia contemporánea, que une a investigación nos arquivos municipais e galegos á revisión hemerográfica e bibliográfica. Obra organizada en tres partes, a primeira abrangue a Restauración (1875-1931), a segunda trata da II República e a Guerra Civil, e a terceira estuda a ditadura franquista e os primeiros anos democráticos, con Outes aínda gobernado por un alcalde herdado do fascismo, Gonzalo Pérez Villaverde, quen sería elixido en 1977 como candidato da UCD e que seguiría no poder ata 1995. Ofrece, ademais, dous útiles anexos, un que relaciona os alcaldes de Outes dende 1876 ata 1995 e, o segundo, cunha cronoloxía dende 1878, o ano da morte do poeta Francisco Añón, ata 1980. A obra procura ser obxectiva e contextualizar os acontecementos municipais nun ámbito histórico máis amplo. Atende non só a asuntos sociais e políticos, pois ten en conta tamén feitos culturais e asociativos, sobre todo os referidos á figura cultural máis importante de Outes, Francisco Añón.

100 anos da historia de Outes (1880-1980)

Xoán F. García Suárez

(Asociación Terra de Outes, 2016)

197 páxinas