Un colectivo xurdido ao pé dos faros

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A ruta entre Malpica e Fisterra uniu a este grupo de afeccionados ás camiñadas

19 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Botarse a andar co único obxectivo de gozar da paisaxe, desa infinda cantidade de fermosas paraxes que brinda a natureza, é unha práctica que está en auxe en Galicia, e Barbanza non constitúe unha excepción. Cada vez son máis as rutas que se organizan para reunir a persoas que comparten esta paixón polas camiñadas. E foi precisamente nun deses itinerarios, concretamente no que une Malpica e Fisterra seguindo a liña da costa, denominado o Camiño dos Faros, onde se coñeceron os dirixentes de Trabandainas, a asociación que ven de iniciar o seu percorrido na zona de Noia.

Aínda que este conxunto de afeccionados ás camiñadas empezou chamándose Grupo Malpica-Fisterra, en lembranza da aventura vivida, cando se puxo enriba da mesa a necesidade de oficializar a asociación optaron por buscar unha denominación acorde coa procedencia de boa parte dos impulsores do proxecto: Noia e a súa contorna. Trabandainas foi o nome elixido: «Quixemos facer referencia ao río Traba, un recuncho moi importante da localidade», explica José Manuel Dosil, que exerce de presidente.

A entidade, que precisamente se estreou cun roteiro que partiu do río Traba e continuou polas marxes do Vilacoba e do San Xusto, conta na actualidade con medio cento de socios, a metade deles federados. Aínda que non é imprescindible posuír este carné que concede a Federación Galega de Montañismo, Dosil comenta que é recomendable: «Ten validez a nivel de seguros e tamén á hora de participar nas probas oficiais de sendeirismo que teñen lugar na comunidade».

Pero calquera que teña gañas e forzas pode unirse a este grupo de aventureiros: «Buscamos xente disposta a gozar da natureza, a coñecer lugares diferentes e a compartir experiencias», explica o presidente. Unha filosofía moi similar á de Senda XXI, entidade coa que Trabandainas mantén unha estreita relación.

Radiografía do sector

Aínda que a traxectoria como asociación é curta, a experiencia como camiñantes leva aos membros deste colectivo noiés a confirmar o que é un segredo a voces, que o sendeirismo é un gran atractivo turístico en potencia que a comarca de Barbanza ten sen explotar. A falla de itinerarios marcados ou o escaso mantemento dos poucos que hai obriga a este grupo de afeccionados a realizar un gran traballo de campo antes de cada cita: «Temos que ir sempre ver como está o camiño e, se hai algún obstáculo, retiralo. O certo é que, polo menos de momento, os concellos estanse portando e colaboran con nós, pero hai que darlles o toque».

Confeccionar as listas de inscritos, comprobar seguros e outros aspectos burocráticos e marcar os puntos de avituallamento son outras das tarefas que implica a organización dunha camiñada. Diante deste intenso programa, Dosil non dubida á hora de afirmar que «gozamos moito máis cando imos a unha ruta de fóra, promovida por un colectivo alleo, pero tamén queremos impulsar o sendeirismo en Barbanza».

Xa na primeira ruta que organizou, Trabandainas conseguiu atraer a afeccionados de fóra da comarca, e ese é precisamente o camiño que a entidade quere seguir: «Tódolos días vemos o gran potencial que ten a comarca, ao que probablemente non lle damos o valor que se merece. Por iso, dentro das nosas posibilidades, queremos contribuír a dar a coñecer a zona», apunta o presidente. El, se tivera que decantarse por un itinerario dentro da zona, quedaríase co seleccionado para a estrea da entidade: «O río San Xusto ten fervenzas que son todo un espectáculo».