Cunchas sen desperdicio

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as moitas aplicacións das cunchas de vieira, están a de servir tanto para palmatoria coma para cunca. Lembrade aquel refrán recollido por Zamora Mosquera: «Os de Palmeira e Santa Uxía de Ribeira, beben o viño pola cunca da aviñeira». Pero sen dúbida, quen máis beneficio lle sacou foi a Santa Sé compostelá, que despois de aproveitarlle o de dentro para manxar dos seus señores, era usado o envoltorio como certificado de peregrinación.

As cunchas sempre tiveron un segundo uso despois de pasar pola ola ou pola tixola. Témolas visto metidas a modo de cuñas para asentar as pedras dos muros. Os pinches de ghaleses (a tapa da vieira) son unha marca de identidade nas Rías Baixas, como elemento protector contra as inclemencias do vendaval, logo substituídas por capas de brea, tellas, uralitas ou plásticos. E tampouco queda moi lonxe aquel tempo en que os camiños enlamados se «asfaltaban» con bivalvos, de berberecho ou mexillón, doados polas fábricas de conservas. O mesmo mexillón da raspa era un dos abonos máis usados nas fincas, din os entendidos que ademais de alimentar raíces corrixía a acidez do chan.

Os barriliños de ostras en escabeche que don Luciano Puga, o pai de Picadillo, recibía como galano do cura de Rianxo en cada Nadal, chegaban sen os anacarados estoxos, pero estou seguro de que o rianxeiro non ía tiralas e algún uso lles daría, como era pertinente antes da comercialización dos nitramóns, chapapotes, PVCs e outras sustancias que as relegasen á condición de materia de refugallo para encher vertedoiros.