«Espero que de cara ao verán se poida comezar a traballar no castro da Cidade»

O arqueólogo dirixirá a terceira intervención no asentamento, centrada no seu sistema defensivo

a. novo
Ribeira / La voz

Está xa redactado o proxecto para a que será a terceira escavación no castro da Cidade en Ribeira. O arqueólogo responsable da intervención, Miguel Ángel Vidal, explicou en Radio Voz Barbanza que obxectivos se propoñen con esta nova actuación.

-¿Cando comezarán de novo as escavacións no asentamento da Idade do Ferro ribeirense?

-Aínda non o sabemos. Polo de agora o que se fixo foi presentar un proxecto de intervención e estas actuacións teñen detrás un proceso de tramitación a nivel administrativo, pero espero que de cara ao verán se poida comezar a traballar no castro da Cidade.

-¿De que base se parte?

-Houbo dúas campañas de intervención anteriores, entre os anos 2014 e 2015, e esta sería a terceira.

-¿Que información lles permitiron obter as anteriores actuacións feitas no castro?

-En primeiro lugar, coñecer un castro que nunca fose escavado. O castro da Cidade pasou de ser un nome dun monte a ser un xacemento arqueolóxico de certa importancia no noroeste da Península. Permitiunos coñecer a antigüidade do asentamento, sabemos que é un dos castros escavados máis antigos. Estamos falando de entre o século VII e o V antes de Cristo. A parte, puidemos sacar á luz diferentes cabanas do asentamento fortificado onde vivían os nosos antepasados hai aproximadamente 2.500 anos.

-¿En que se vai a centrar esta terceira intervención?

-Se nas dúas primeiras nos centramos na parte superior do castro, na área de habitación, como lle chamamos nós, onde están as casas, esta está enfocada a tratar de coñecer cal era o sistema defensivo do poboado. Pensamos que hai unha muralla que vai arredor das cabanas e delimita o castro de forma circular. E, os restos que se atopen, quedarán ao descuberto para que se podan recoñecer e apreciar.

-Para facernos unha idea, ¿sobre cantos metros cadrados teñen previsto actuar do total?

-O castro nós estimamos que ten arredor duns 20.000 metros cadrados, aproximadamente ocuparía dous campos de fútbol xuntos, e a actuación proxectada para este ano afectará a cerca de 400 metros cadrados. É unha porcentaxe pequena do que é o total do castro, porque escavar un castro de forma completa requiriría moito tempo, moita xente e moitos recursos.

-¿Que esperan descubrir co estudo da muralla defensiva?

-Primeiro, coñecer se se fixo nun momento antigo ou máis recente. Hai que ter en conta que os castros non xorden nin morren dun ano para outro, o que nós chamamos a cultura castrexa dura aproximadamente uns mil anos nos que pode haber cambios, polo que o castro puido nacer xa coa muralla defensiva ou púidose incorporar logo.

-¿Consideran que o castro é aínda un descoñecido entre os propios veciños de Ribeira?

-O certo é que si. Afortunadamente, nas dúas anteriores campañas de intervención se puido dar a coñecer un pouco máis. Ata que comezamos a escavar, a xente non sabía da riqueza que tiñan. Nese sentido, hai que dicir que houbo moitos veciños que subiron ata alí interesados polos traballos que se estaban a levar a cabo, aos que lles puidemos explicar o que estabamos a facer, e a verdade é que tivo moita repercusión social. Iso non quere dicir que non haxa que seguir promovéndoo. O máis importante é que a xente se faga dona do castro.

-¿Podería chegar a funcionar o castro da Cidade como reclamo turístico en Ribeira ao igual ca outros na comarca, como Baroña?

-Totalmente. As persoas que se achegan ata alí daranse conta de que ten visitas en calquera momento da semana porque, como lle pasa a Baroña, o castro da Cidade está nun enclave privilexiado a nivel paisaxístico e, ademais do castro, as vistas dende alí son espectaculares, ten unha panorámica de 360 grados da redonda na que se pode chegar a ver dende a ría de Muros e Noia ata a zona da Guarda, cara o sur.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Espero que de cara ao verán se poida comezar a traballar no castro da Cidade»