O instituto de Muros despediu os seus sete días máis intensos

j. m. sande MUROS / CORRESPONSAL

BARBANZA

O centro educativo rematou a viséximo oitava edición dunha cita que aglutinou cultura, música ou saídas ao aire libre

08 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un concerto musical a cargo do grupo Sumrrá puxo onte o peche ao éxito da semana cultural celebrada no IES Plurilingüe Fontexería de Muros ao longo dos pasados días. Un completo e variado programa creativo, formativo, de ocio, informativo, de concienciación, e tamén con amplas ofertas deportivas e musicais, conformou o gran abanico escolar ideado por este centro para conmemorar o viséximo oitavo aniversario desta efeméride, que tivo como lema O pequeno é grande.

As exposicións de Galicia biodiversidade, Affichés, Furgoneta-vivenda, Berros no roncar das ondas, Marisqueo na ría de Muros e unha mostra fotográfica alusiva a temática da semana cultural, complementaron as opcións formativas destas xornadas culturais. Nestas exposicións de instantáneas participaron firmas da talla de Pedro Losada. A implicación de especialistas e docentes da Universidade da Coruña (UdC) nestes sete días foi fundamental. Entre eles sobresaíron os nomes de Casto Rivadulla ou Antonio López.

Na programación da viséximo oitava Semana Cultural do Fontexería abundaron as actividades deseñadas para cada un dos colectivos que conforma o alumnado deste centro, tanto no aspecto da diversidade educativa coma no referido á idade dos escolares. Así como a saída á natureza que tivo como escenario o monte de O Pindo.

Temas vencellados ao futuro educativo e ás saídas profesionais foron cuestións preferentes para os maiores, aínda que tamén eles puideron gozar de ofertas de ocio, cultura e deportes. Para os máis cativos foron os talleres formativos, as películas, diversos obradoiros con finalidades de concienciación educativa, de igualdade ou de coñecementos de disfuncións psicolóxicas, os asuntos máis seguidos nestas idades temperás.

Os convidados

Entidades coma Adega, a Consellería do Mar, Cruz Vermella, a Universidade de Santiago de Compostela, A Xanela do Maxín, Adisbismur, Centro de Información á Muller, Concello de Muros, a Federación Galega de Judo e outras, sumáronse ao instituto á hora de colaborar para que nesta semana cultural nada se botara en falta. Xunto a eses organismos, tamén outros artistas e profesionais acudiron nestes días á vila de Muros para presentar os seus traballos ou para dar conta dos seus éxitos.

Só deste xeito se puideron conseguir exhibicións de taichi, parkour e ioga ou a presentación de libros coma Un cesto de mazás e a preestrea da obra teatral As aventuras de Gala. Por outra parte, o Fontexería deulle o peche a esta intensa semana cunha entrega de premios, para os gañadores dos distintos concursos que tiveron lugar nestas xornadas no centro.