Un axuste de contas coa historia dende o mundo da ficción

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A presentación da obra «Transición» de Pablo Fernández Barba dou pé a un vivo debate no acto de Barbantia

02 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha trama ficticia nunha España de posguerra moi real son os vimes cos que o mestre noiés Pablo Fernández Barba confeccionou a intriga da súa primeira novela, Transición, na que, como afirma el mesmo, fai un persoal axuste de contas coa historia. A presentación da obra no acto mensual de Barbantia, realizado na librería Ler da Pobra, dou pé a un dinámico debate no que se afondou no espírito dos artífices do cambio político tras a ditadura e na situación democrática actual, con referencias ao cumprimento da Lei da Memoria Histórica.

Foi Xesús Laíño, o vogal de Barbantia, o encargado de presentar á obra, gañadora do Premio Vicente Risco, e ao autor, un profesor de física do colexio Jaime Balmes de Noia que fixo a súa estrea no mundo literario pola porta grande. Con eles tamén estaba Tomás González de Urco Editora, que publicou o libro que tanto interese está a espertar.

Pulso literario

Laíño destacou o pulso literario da obra, e a súa rica e traballada linguaxe. Manifestou que o autor debuxa uns personaxes contraditorios, símbolos da sociedade do seu momento. Asegurou Xesús Laíño que os protagonistas son froito da ficción, pero, ao mesmo tempo, un reflexo do que acontecía no momento e, polo tanto, ven poderían ter sido veciños de carne e oso.

Precisamente, a trama, como explicou Pablo Fernández Barba durante a súa intervención, busca resaltar esas incoherencias da etapa da transición, que el considera que está sobrevalorada e sobre a que durante estes anos se dixeron moitas cousas sen afondar nas súas contradicións. Nada nesta obra é froito da casualidade, como o feito de que estea ambientada no municipio de Hermisende, na Alta Sanabria, xunto á provincia de Ourense, pero tamén preto da fronteira lusa.

Aínda que o autor toma partido ideoloxicamente, os actores da súa intriga repártense os papeis da dereita e a esquerda para destapar un suposto caso esquecido pola historia que pode comprometer toda a historia do país.

Na posta en común que precedeu ao acto de presentación de Transición fíxose unha revisión da situación democrática actual e das reclamacións que continúan vixentes derivadas dese período histórico. O cambio de nomes franquistas en rúas e prazas ou o feito de que haxa persoas que nin esqueceran nin perdoasen foron algunhas das opinións que os asistentes puxeron sobre a mesa e que propiciaron un intenso intercambio de ideas no que interviñeron tanto o público, como o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, como o propio escritor, quen expresou as súas impresións sobre o espírito da transición, máis alá do que se transcende o propio libro .

Como cada mes, a presentación literaria coincidiu coa saída á rúa dun nomo número, o 123, do suplemento A Voz de Barbantia, que os asistentes ao acto no establecemento rexentado por Cipriano Pose tiveron oportunidade de ler.