A camiñante que presume da súa terra

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Consciente do potencial de Barbanza, busca atraer turistas a través do sendeirismo

31 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que o sendeirismo se profesionalizou en Barbanza. Camiñar en grupo polo monte ou pola costa require dispoñer dun paraugas legal co fin de estar cuberto ante calquera adversidade. Estes requisitos e a confluencia de varias persoas co denominador común da paixón polas camiñatas propiciou que, no verán do 2015, iniciara a súa andaina en Barbanza Senda XXI, unha asociación que desde o ano pasado está mergullada nun ambicioso proxecto. Pretende aproveitar o tirón do Camiño de Santiago para animar aos turistas a achegarse tanto a Arousa norte como á ría de Muros e Noia. Manoli Filguera lidera un grupo con ansias de presumir da súa terra, de amosar os encantos de Barbanza e, sobre todo, de camiñar.

O ano pasado por estas datas, Manoli Filgueira e os seus colaboradores partían do faro de Corrubedo rumbo á praza do Obradoiro. Tiñan marcado un itinerario con varias etapas que descorrían pola ría de Muros-Noia. O vindeiro día 23, volverán a encontrarse na emblemática torre ribeirense co mesmo obxectivo, pero con diferente percorrido. Nesta ocasión, atravesarán os municipios de Arousa norte para acadar a súa meta. E aínda teñen en mente un terceiro trazado, que esperan cubrir no 2018, que lle concederá especial protagonismo á serra barbancesa.

«Cando en novembro cheguemos á catedral de Santiago teremos trazado un percorrido de 250 quilómetros bordeando toda a península de Barbanza, pero, para completar o mapa dos atractivos da comarca, é necesario exaltar a riqueza arqueolóxica», explica Filgueira. Tanto ela coma o resto de membros de Senda XXI están empeñados en sacarlle partido ao potencial que ten a zona a nivel de sendeirismo: «Consideramos que está sen explotar». Aínda que é consciente de que hai obstáculos que un colectivo coma o que ela preside non pode superar: «Tanto a nivel de aloxamento como de restauración, esta zona presenta carencias. Non hai prazas hoteleiras suficientes, como tamén hai poucos negocios con grandes salóns que dean cabida a grupos numerosos».

Valor engadido

Estas grandes rutas planificadas por Senda XXI buscan ser algo máis que sinxelas camiñatas. Na primeira, a asociación quixo poñer o acento na integración de persoas con diversidade funcional, e nesta, lanza un convite: «Queremos animar á xente a que coñeza recunchos practicando sendeirismo». Pero detrás de cada unha das nove etapas que se levarán a cabo ao longo dos vindeiros meses hai un importante traballo: «O primeiro que facemos é ir marcando nun mapa os puntos de interese que queremos visitar e unímolos recorrendo a camiños vellos ou recoñecidos. Tamén nos gusta pasar polas aldeas e amosar as actuacións levadas a cabo polos concellos para mellorar os lugares de interese».

Logo chega o momento de percorrer cada tramo para ver se está accesible e, se é preciso, de coller a fouciña para ir abrindo paso. Manoli Filgueira réstalle importancia a este labor: «A gran sorte é que para nós non é traballo, senón afección». Pero o certo é que os aventureiros de Senda XXI cumpren un importante cometido, pois van abrindo novas rutas. Tódolos itinerarios que realizan quedan marcados en tracks, de forma que calquera, a través de distintas aplicacións, pode localizalos en Internet.

Manoli Filgueira, que coñece o territorio barbancés como poucos, confesa que é unha namorada da comarca, aínda que se tivera que elixir unha ruta, non o dubidaría: «Quedaríame coa subida ao monte Tremuzo, en Outes. É un percorrido que combina mar e montaña, cunhas vistas espectaculares. A maiores é un espazo moi limpo e con vexetación autóctona. É, sen dúbida, unha paraxe de 10».