Engaiolados nos barrotes do sistema

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Falábame miña filla hai uns días do desconcerto que hai entre o alumnado e o profesorado coa nova selectividade, a só dous meses de que se celebre a sempre temida proba que abre (ou pecha) as portas da Universidade. Comentaba como algún mestre lles dicía que esta xeración, damnificada por un cambio educativo que non foi (ou si foi, ou vai ser, ou a ver quen sabe o que será, se é que é...), está a ser demasiado conformista, apática e desmobilizada. Engadía o ensinante que non ten explicación que, co que está a pasar, non haxa contestación nas rúas: protestas, activismo contra a inxustiza que supón o estado de inseguridade que a Administración educativa está a xerar cuns rapaces que van poñer en risco o seu futuro someténdose a un incerto filtro.

Deille a razón a ela, directamente, e ao seu mestre, indirectamente, e conteille como entre os anos 75 e 77, sendo alumno do instituto Arcebispo Xelmírez en Santiago, entón tamén coñecido como instituto masculino (aínda que xa era mixto), cando o centro estaba no mesmo edificio que hoxe ocupa a Xunta de Galicia en San Caetano, non había semana na que non nos puxéramos en folga, na que non saísemos en manifestación polas rúas de Compostela para protestar por todo o que considerábamos inxusto; e cando non había argumento propio, sempre estabamos esperando a chamada de apoio da universidade ás súas causas para sumarnos. Claro que, daquela, non había moito tempo que estreáramos a democracia e as mobilizacións eran como os voos libres que Richard Bach tan ben nos fixera experimentar coa lectura do seu libro Juan Salvador Gaviota.

O meu emocionado retorno aos tempos de estudante de bacharelato nos anos setenta toparon de fronte coa realidade actual cando ela me dixo que, comparando co que eu lle contaba, no seu instituto teñen prohibido saír do recinto educativo, e que cando a Inspección de Educación comunicou ao centro a obriga de pechar os portais, achantaron sen máis; e que o malestar non foi máis aló de meros comentarios; que nin sequera houbo un amago de protesta. E se a isto lle engadimos as limitacións da famosa Lei Mordaza e outras normas que se foron aprobando, podemos chegar á conclusión de que hai corenta anos tiñamos máis liberdade que hoxe en día para protestar, aínda que só fose contra este despropósito de selectividade que pode causar danos irreparables na xeración de mozos á que lle toca bailar con ela.

E en algo non lle vou dar a razón aos profesores da milla filla: os mozos non é que estean desmobilizados, o que están é engaiolados por un sistema ao que lle permitimos poñer demasiados barrotes.