«Somos moi poucos a colaborar fisicamente, precisamos máis mans»

BARBANZA

MARCOS CREO

Asume que o reto á fronte da oenegué é lograr que se involucre xente nova, disposta a coller o seu relevo

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manos Unidas vén de renovar á súa directiva en Ribeira e Dolores Álvarez Sampedro é a súa nova delegada, e máxima responsable, despois de 15 anos vinculada a oenegué. A ribeirense contribuíu á súa fundación na capital barbancesa e falou en Radio Voz da necesidade de atopar un relevo disposto a asumir a labor altruísta que se está a facer.

-¿Como asume este novo cargo á fronte de Manos Unidas Ribeira?

-Eu levo colaborando e traballando con Manos Unidas dende o ano 2002 e sempre o fixen todo o mellor que puiden. Agora asumín a presidencia porque Chata (Ramona Pérez), por motivos de saúde, o tivo que deixar. É unha responsabilidade que acollo con ilusión, con ganas de seguir traballando e de procurar facelo o mellor posible.

-¿Que reto se marca vostede como delegada?

-Unha utopía. Gustaríame que Mans Unidas desaparecese como entidade porque o mundo xa non nos necesita. Sendo realista, o reto que me marco é seguir traballando, conseguir máis voluntarios e, sobre todo, que se implique máis xente nova, porque as que estamos xa somos todas avoas e amas de casa, traballamos dentro e fóra dela. O reto é que veñan mozos que collan o relevo do que nós comezamos. Abonda con que se acheguen á parroquia de Santa Uxía e lle digan ao sacerdote que queren colaborar.

-¿Como diría que cambiou nos últimos tres lustros Manos Unidas?

-Practicamente non variou nada, porque seguimos traballando da mesma forma. Empezamos facendo o manifesto, que é o segundo venres de febreiro, o día da campaña contra a fame e o xaxún voluntario. Despois empezamos a vender as famosas flores de Pascua. Aquí ao principio a flor apenas era coñecida, non se vendía en ningún lado e nós iamos a todas as parroquias con ela, entre a ponte da Inmaculada e da Constitución. Pero logo, pouco a pouco, a flor foise facendo tan coñecida que empezaron a vendela os nenos dos colexios e tamén as parroquias para as súas causas.

-Teñen colaborado tamén con outras entidades en proxectos comúns...

-Fixemos algún proxecto con Cruz Vermella e Unicef cando foi do terremoto de Haití. Sempre estamos dispostos a colaborar nunha boa causa cando nos chaman. O ano pasado fixemos un mercado solidario co grupo Egueire de Costa de Marfil e este, cando veña o bo tempo, temos pensado facer tamén un mercado solidario. Estamos traballando para un proxecto de crear un dispensario en Perú, que neses sitios vén sendo un galpón grande que fai de colexio pola mañá, e pola tarde vale tanto de taller de costura para as nais, como de dispensario, un pouco de todo.

-¿Teñen outros proxectos entre mans de cara ao futuro?

-O día 27 de abril en Santiago vai haber cambio de presidenta á nivel da diocese e a partir de aí asignarásenos outro proxecto distinto polo que traballaremos.

-¿A que zonas do mundo benefician estes proxectos?

-Son moitas. Traballamos para moitos sitios: Burkina Faso, Haití, Tailandia... Cando foi o atentado nos trens en Madrid colaboramos cunha parroquia de alí que levaba o noso mesmo nome, Santa Uxía, á que lle mandamos cartos para que o sacerdote os distribuíra entre quen máis falta lle facía.

-¿Cantas persoas colaboran coa organización de Ribeira?

-A Ribeira témoslle que dar as grazas, porque todo o pobo colabora e participa, e sen esa axuda todos estes proxectos, loxicamente, non se levarían a cabo. Na organización somos moi poucos a colaborar fisicamente, precisamos mais mans, porque apenas estamos seis ou sete persoas.

-¿Como é o perfil do voluntario de Mans Unidas?

-Nesa parte activa da que falabamos somos todas mulleres e xente nova, entre os 54 e os 60 anos, algunha incluso maior. E despois tamén hai persoas que, desinteresadamente, nos botan unha man, sobre todo á saída da misa do domingo.