«O manuscrito de Manuel Antonio permite resolver interrogantes»

P. Calveiro / a. Novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Álvaro Ballesteros

O Concello de Rianxo posibilitou cunha compra de exemplares que o proxecto tivera os fondos que precisaba

14 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 90 anos o rianxeiro que nunca firmou cos seu apelidos, Manuel Antonio (Pérez Sánchez) acabou de escribir a lapis e nun caderno de contabilidade a obra considerada polos expertos como unha das máis importantes das letras galegas e cima da literatura vangardista, De catro a catro. O manuscrito orixinal vén de ser publicado nunha edición facsimilar coeditada polo Consorcio de Santiago e Editorial Alvarellos, cuxo director, Henrique Alvarellos descubriu nunha entrevista concedida a Radio Voz algúns dos detalles que rodean a esta xoia.

-¿Cando xorde este proxecto?

-Empezou hai un par de anos cando o profesor Anxo Tarrío, responsable do coidado da edición e da transcrición do texto, nos dixo que tiña unha bomba literaria, o manuscrito orixinal e nunca publicado de De catro a catro, o mellor e maior poema da poesía vangardista galega. Iso para nós foi unha grandísima noticia, sendo que ademais na Editorial Alvarellos temos a colección Rescate que, precisamente, afonda neste tipo de descubrimentos.

-¿Que vías de financiamento houbo para este proxecto?

-Queriamos facer unha edición que respectase o formato orixinal. Había que facer un traballo custoso que necesitaba de varias mans e apoios. Aí entrou o servizo da Universidade de Santiago, que foi a que se responsabilizou de escanealo en alta resolución do orixinal; e despois o Consorcio de Santiago, como entidade coeditora imprescindible en cuanto a achega para que isto fora a bo porto; e o Concello de Rianxo, que con unha compra de exemplares posibilitou que houbese o financiamento para poder levar o proxecto adiante.

-O manuscrito orixinal está escrito nun caderno contable, ¿por que este soporte?

-Porque Manuel Antonio estudaba contabilidade na Escola Náutica de Vigo e era que tiña a man. O bonito e poético do asunto é como transformou ese caderno de contabilidade neste enorme poema que foi un diario de abordo, como el así tamén o titulou. Subido a un barco, no Candeira, e navegando durante varias singraduras escribiu este diario íntimo e emocional, que condensa nas súas páxinas ese mundo interior con meticulosidade.

-¿Estaba en bo estado de conservación o caderno?

-Estaba en moi bo estado. É un destes cadernos que aínda agora se pode ver polas papelerías de tapa dura que algúns amantes do vintage seguen utilizando. O orixinal de Manuel Antonio está escrito a lapis, practicamente o 100 %, e foi moi ben conservado e custodiado todos estes anos, o que permitiu facer unha edición que respectase dende o tamaño ás cores. Tendo diante o facsimilar, salvo o arrecendo do paso dos anos, a sensación é a mesma que ter entre as mans o orixinal.

-¿Como pode contribuír a publicación deste manuscrito ao estudo da literatura?

-Dá a fonte primoxénita onde os especialistas van poder consultar esa base documental imprescindible. Coñecíanse o resto dos manuscritos, pero faltaba o máis importante de todos eles, este. O manuscrito de Manuel Antonio permite resolver interrogantes que non o estaban ata agora pola edición impresa.

-¿Que aportou de novo o orixinal?

-Podemos ver ese proceso de creación do poeta, onde vai tachando ou corrixindo, onde ao final de cada poema pon o número de versos dúas veces para que non de pé a confusión aos tipógrafos e saiban, por exemplo, que o poema ten 35 versos e non pasen ao seguinte ou lles quede un colgando. Son indicacións editoriais que se poden ver perfectamente no manuscrito, así como dúbidas que tiña á hora de despedirse cun poema ou con outro.

-Cando empeza a escribir «De catro a catro» tiña 26 anos...

-Efectivamente. Morreu con 30, no ano 1930, e escribiuno entre os anos 1926 e 1927. No ano 1928 publicaría Ánxel Casal esta obra nunha edición ilustrada por Maside. Sen embargo, o manuscrito quedou na casa de Manuel Antonio. Domingo García-Sabell foi o médico da súa nai nos seus últimos anos. E ela, como pago pola súa labor, agasalloulle con este manuscrito, porque sabía que era un dos máis valiosos que tiña pola casa. E foi gardado polos herdeiros de García-Sabell ata hai uns anos, cando decidiron darllo ao catedrático de Literatura Galega da USC Anxo Tarrío para que fixera o seu estudo e transcrición.