«A educación debe ir máis aló do libro e achegar outras realidades aos rapaces»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo< / span>

O pobrense, médico en Boiro, ten un papel activo na defensa dos dereitos humanos

09 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Boullón elixiu a rama sanitaria como profesión. O pobrense leva tres decenios exercendo como médico de atención primaria e, dende hai un par de anos, atende aos pacientes do centro de saúde de Boiro. O que o diferenza de moitos outros é que cando colga a bata branca ao final da xornada laboral segue a preocuparse polas necesidades alleas na súa faceta vocacional coma voluntario de Amnistía Internacional. É o responsable das relacións cos medios de comunicación do grupo de acción de Barbanza. De feito, sinala, as profesións que máis abundan entre os activistas comarcais son as de sanitario e docente. «As dúas teñen algo en común, que é axudar aos demais», indica.

-¿Como comezou a súa relación con Amnistía Internacional?

-Son socio dende hai cerca de vinte anos, pero nunca pasara á acción. O ano pasado viñeron algúns activistas do grupo de Amnistía Internacional de Santiago a ofrecernos aos socios da zona a posibilidade de organizar algunha conferencia, a primeira foi a dun avogado mexicano que tivera problemas no seu país, e a partir de aí saíu a idea de formar un grupo local.

-Constituíronse de forma oficial en maio, ¿cantas persoas se teñen embarcado neste proxecto?

-Pouco a pouco o grupo foi medrando e hoxe somos once persoas as que estamos máis activas, porque o límite o pon cada un. Hai algún membro que dispón de tempo para involucrarse de cheo unha tempada ou nun proxecto en concreto e, ao mellor, logo pasa uns meses nos que non está en disposición de facelo. Hai xente que tamén está aí e non asiste a todas as reunións porque non pode, pero axuda cando está na súa man. Nese sentido, somos un grupo bastante flexible e damos a benvida a todos os socios que queiran colaborar con nós.

-¿Que balance fan desta primeira etapa?

-O obxectivo co que botamos a andar era o de sensibilizar á sociedade na defensa dos seres humanos. Intentamos actuar tanto na poboación en xeral coma nos institutos. Pensamos que a educación debe ir máis aló do libro e achegar outras realidades aos rapaces que acontecen no mundo. Os alumnos tamén teñen que aprender que son os dereitos humanos e que obstáculos existen para que sexan unha realidade.

-¿Como se fai para que problemas que moitas veces quedan lonxe, a sociedade os sinta como unha cuestión próxima?

-Obviamente, nun principio son realidades invisibles e nós tratamos de facelas visibles servíndonos, por exemplo, de exposicións de paneis didácticos, a última delas sobre igualdade de xénero nos cinco continentes, que dista moito de ser conseguida aínda. Pero non só abordamos os casos doutros países, tamén en España e no ámbito máis próximo, como se fixo nunha charla no instituto de A Pobra o ano pasado sobre o incumprimento do goberno de España dos dereitos humanos. Temos que recordar que aquí hai moito por mellorar.

-¿O coñecemento e a información son o primeiro paso?

-Informar de como está a situación é facela visible, pero tamén hai casos nos que se pode cambiar, por exemplo, con determinadas recollidas de firmas para pedir o indulto dunha persoa que ao mellor se atopa na prisión inxustamente ou baixo pena de morte.

-Tamén xogaron un papel importante para que Ribeira fose unha das primeiras cidades acolledoras de refuxiados...

-Hai que sinalar que non soamente en Ribeira se puxeron a disposición do Goberno varias vivendas, tamén se fixo no concello de Rianxo. O importante de todo isto é que a xente ten ánimo de axudar.

-Actualmente teñen representación en Ribeira, A Pobra e Boiro, ¿pensan en ampliar o seu radio de acción?

-Buscamos xente en Rianxo, Noia ou Porto do Son, porque non temos ninguén de alí e sería interesante tamén facer cousas neses concellos, aínda que nos movemos e xa fixemos algunha actividade concreta en colaboración co instituto rianxeiro.