Adeus a unha gran loitadora de Aguiño

Unai González

BARBANZA

Socialista convencida, militante de base e muller reivindicativa onde as haxa

05 mar 2017 . Actualizado a las 11:18 h.

ola a Chopa foi en Aguiño unha desas mulleres que marcaron a historia pola súa transcendencia, o labor incansable, a dedicación permanente e a entrega incondicional; poderiamos dicir, sen ánimo de ofender a ninguén, aquel dito célebre de que «morreu coas botas postas». Socialista convencida, militante de base e muller reivindicativa, Dolores Pérez González supuxo no seu partido un piar fundamental dende o seu nacemento en Ribeira; da man do alcalde José Antonio Ventoso Mariño, representou a Aguiño como concelleira de varias áreas, conseguindo a transformación da antiga escola en casa da cultura, a construción de rúas e beirarrúas, e servizos básicos en Xosé Sans, Manuel Murguía, Lagarto, Celso Emilio Ferreiro ou Castelao, entre outras. O parque da Tasca ou melloras no campo de fútbol, o grupo escolar ou o peirao tamén tiveron o impulso da súa xestión.

Vinculada á parroquia da man do cura Francisco Lorenzo Mariño, sempre foi activista comunitaria coas celebracións, as excursións da catequeses ou as Romaxes… Na oposición ou xa fóra da política activa, seguiu a organizar, presidindo a asociación que fundou e rexeu ata o seu pasamento, Ardora, movementos sociais reclamando melloras no pobo, como o saneamento e a traída para a Cerca e a Cruz, a edificación da nova lonxa e o galpón das atadoras, a protesta contra a instalación de fábricas en Couso ou máis recentemente a propia estación depuradora de augas residuais.

Biblioteca e grupos de baile

Lola era unha muller visceral, forte de carácter e teimosa de opinión, o que ás veces é defecto e ás veces é virtude... pero no fondo do seu peito batía un corazón aberto e entregado aos demais. Non podemos esquecer que do seu labor naceu a biblioteca pública de Aguiño coa doazón de obras de literatura galega pedidas directamente aos creadores, moitas delas asinadas por escritores diversos, como é o caso de Carlos Casares, Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas… ou ás editoriais Galaxia e Xerais. Tamén os primeiros grupos de baile e música tradicional galegos da parroquia, as clases de xudo, obradoiros e cursiños… sempre co impulso de Ardora.

O feito é que na tarde do venres marchou un persoeiro de Aguiño, unha ilustre á que o pobo lle debe gratitude e é xusto o seu recoñecemento público por parte dos que temos memoria para que tanto sementado non quede afogado co paso do tempo. Grazas Lola pola túa ensinanza, pola túa valentía, pola túa entrega e pola túa amizade. Aléntanos e axúdanos a seguir camiñando polo ben deste pobo mariñeiro que te chora coas salgadas bágoas do mar de Couso e de Sálvora. Descansa en paz.