O científico que mudou o laboratorio pola acción

Acaba de volver da Antártida, onde investiga a súa flora, na procura de trazos xenéticos únicos e reproducibles


ribeira / la voz

Década dos noventa. Nun campamento base localizado no corazón da selva venezolana, un guía dá instrucións a centos de mozos e mozas, para que garden todas as súas pertenzas no interior das tendas de campaña antes de que caia a noite. Baixo o abrigo da madrugada, un rapaz levántase e coloca todos os zapatos fóra, a modo de trampa para as temibles tarántulas. Pola mañá atópano observando e fotografando os exemplares, para despois deixar ás arañas en liberdade.

Na actualidade, esa mesma persoa acaba de regresar por segunda vez da Antártida, onde tenta dar coa solución a un problema que a humanidade arrastra dende hai miles de anos. Pois toda a evolución da agricultura se baseou na mellora da produtividade, mais nunca preveron as consecuencias do cambio climático, que pode acabar erradicando cultivos tradicionalmente propios dun ecosistema.

Xurxo Gago Mariño (O Castelo, A Pobra, 1981) integra un grupo de investigación da Universitat de les Illes Baleares (UIB) que analiza a flora vascular neste ambiente xélido, coa finalidade de atopar carácteres xenéticos que nun futuro se poidan reproducir en novos tipos de sementes que manteñan a produtividade, pero coa resistencia á que están acostumadas plantas como o caravel antártico, en temperaturas extremas.

Da Pobra á xungla

Antes de converterse no investigador -e aventureiro- que é hoxe en día, Xurxo Gago era só un neno que amaba a natureza mergullándose na costa de Palmeira ou perdéndose nas piscinas naturais da Pobra. Mentres estudaba no instituto vilagarcián de Castroalobre, un día soubo pola televisión da existencia da Ruta Quetzal Argentaria, unha beca internacional cuxa consecución requiría da presentación dun proxecto que lle levou tres meses: «Só me esforcei tanto en algo, elaborando a tese de doutoramento», lembrou o pobrense.

A través de recompilacións de antiquísimas crónicas aztecas e de conquistadores españois, redactou coas dúas visións o que sería un hipotético xornal da época ata a chegada dos colonizadores (un antecedente xornalístico claro, do que foron as súas crónicas dende a Antártida publicadas recentemente en La Voz do Barbanza). Ata o envelleceu no forno e o encadernou para dar a sensación dun documento histórico.

Un tempo máis tarde, estaría remontando o xigantesco río Orinoco e percorrendo a xungla. Ese sería o inicio do sendeiro que o levou a estudar a licenciatura en Bioloxía na Universidade de Vigo (UdV). Nese lapso académico, con xornadas de doce horas, formou a asociación xuvenil ecoloxista Axena, que pretendía empregar a tecnoloxía para a conservación da natureza.

Pasaporte completo

Con Axena, Gago chegou a desenvolver proxectos como a exploración das minas de wolframio, que desembocaría no documental As minas do silencio. Nun contexto no que os drons entendíanse como algo propio da ciencia ficción, chegou a conseguir financiamento, en 2006, da empresa Nokia para colocar unha microcámara nun falcón peregrino e gravar o seu voo, coa axuda do cetreiro Fran González. O traballo tivo difusión nacional.

Tras rematar a tese e converterse en doutor en Bioloxía, especializado en flora, orientouse á investigación e estivo traballando varios anos na empresa privada, facendo seguimentos de cultivos mediante o uso de multicópteros. Invitado a dar unhas clases no máster de Bioloxía das plantas en condicións mediterráneas na UIB, rematou por integrar o grupo de investigación maiorquín co que percorreu sitios como os desertos de Atacama, Namibia e Australia ou nos altiplanos andinos a 5.000 metros de altura e, por suposto, na Antártida.

«O noso traballo consiste en darlle información aos investigadores xenéticos, para que poidan inserir eses carácteres nunha planta determinada», indicou o biólogo pobrense sobre as investigacións realizadas no polo, que se atopan en fase intermedia e que precisarán de catro ou cinco anos para comezar a obter resultados. De entender eses mecanismos de tolerancia ao estrés, poderían deixar un legado vital para unha humanidade que tende á autodestrución. Non debemos esquecer que o inicio deste camiño, partiu dun rapaz que só desexaba perderse na natureza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

O científico que mudou o laboratorio pola acción