«O máis común dos erros á hora de atopar traballo é o afogo»

A. parada / a. novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

GERPE

O profesional analizou unha serie de xornadas sobre emprego que está a acoller o viveiro de empresas do Son

01 mar 2017 . Actualizado a las 05:11 h.

José Pazó é o responsable do servizo municipal de información, orientación e prospección de emprego do Concello de Porto do Son. Este profesional púxose diante dos micrófonos de RadioVoz Barbanza para falar da serie de xornadas sobre desemprego que comezaron hai unha semana e que terán lugar durante todo o 2017.

-¿Como xorde esta iniciativa?

-O punto de partida está no traballo diario do servizo de orientación. É certo que nas cuestións básicas de procura de emprego, como elaborar un currículo, unha carta de presentación ou a localización deses catro lugares onde ir a presentalos, si que o dominaba todo o mundo. Mais identificamos que un grupo importante de xente tiña máis dificultades para acceder a determinada información ou empregar ferramentas neste ámbito. Foi entón cando decidimos poñer en marcha as xornadas para resolver calquera destas dúbidas.

-¿Tiveron lugar experiencias anteriores á deste ano?

-Esta edición sería a terceira, dende o 2015. O feito de que teñan continuidade é un indicador suficiente de que están a funcionar ben. Teñen carácter mensual; aínda que a data non sexa fixa, procuramos programalas no último mércores de cada mes. O certo é que sempre se cobren as prazas e iso anímanos a seguir.

-¿Que factores caracterizan a estas xornadas?

-Non se trata da típica charla maxistral, pois nutrímonos das experiencias e dinámicas que aporta cada un, para corrixilas ou melloralas entre todos. O fundamental é que a xente non só aprende do que eu, humildemente, poida aportar, senón do que extraemos dos demais dunha forma eminentemente práctica.

-¿En que consistiu a primeira das sesións de emprego?

-Sempre enfocamos a inicial á organización da procura de emprego, algo fundamental. Para calquera cuestión da vida diaria, como organizar unha viaxe ou unha festa, requírese unha planificación previa. Este símil é aplicable á área laboral. Antes de buscar emprego cómpre sentarse diante dun folio en branco e planificar o proceso.

-¿Cales son as accións máis recomendables na organización?

-Coñecer os sectores empresariais e os recursos existentes na zona. Tamén hai que ter en conta as vías de acceso e as convocatorias de emprego público ou das empresas de traballo temporal.

-¿E os principais problemas na procura de emprego?

-O máis común dos erros á hora de atopar emprego é o afogo. A veces poñémonos a enviar currículos de forma indiscriminada, sen orientalo á propia empresa ou á propia oferta. Este tipo de cuestións poden desgastarnos, pois se empezamos con moito ímpeto podemos acabar vendo pasar os meses sen resultado, e aí aparece a falta de motivación.