Venezuela, cos ollos dun galego do Barbanza

Alberto Piñeiro compara no seu novo libro paisaxes do país suramericano cos de Galicia e da bisbarra


RIBEIRA / LA VOZ

Salvando distancias, especialmente climáticas, hai moitos paraxes naturais en Venezuela que lembran a Galicia e, especialmente, á comarca barbancesa, segundo explicou Alberto Piñeiro, que antonte presentou o seu libro Crónicas de Venezuela, no marco do acto mensual da Asociación Cultural Barbantia. O volume recolle os percorridos que este boirense, nacido en Alemaña, fixo polo país suramericano ao longo dos dous anos que permaneceu nel, ao que chegou só, pero do que regresou cunha familia numerosa.

A Piñeiro non lle soa estraño comparecer nun encontro de Barbantia, xa que el mesmo foi un dos fundadores da entidade, na que desenvolveu o cargo de coordinador ata que lle colleu a testemuña Xoán Pastor. Este fixo de presentador do acto, xunto co concelleiro Juan Antonio Moledo, en representación da alcaldía, e de Bernardo Gamallo, amigo do escritor e venezolano asentado en Galicia.

Alberto Piñeiro explicou que Crónicas de Venezuela é un libro de viaxes, no que intenta transmitir as sensacións que el mesmo experimentou ao descubrir paraxes incribles, de extraordinaria beleza, e que están sen explotar turisticamente, e puxo un exemplo moi gráfico dunha ocasión na que, despois de atravesar unha selva, atopou unha praia de augas cristalinas, area branca e chea de palmeiras, sen que houbese ningunha edificación.

Pastor Rodríguez e Bernardo Gamallo foron facéndolle preguntas, e Alberto foi quen de atendelas e de desvelar anécdotas das que foi protagonista ao longo deses dous anos de ir dun sitio a outro por Venezuela. Nin esquivou cuestións sobre a situación na que se atopa o país, que considera mala, pero concédelle máis facilidades de recuperación que a España, tendo en conta a riqueza natural que atesoura, polo petróleo, os minerais e a natureza sen explotar.

Convite a viaxar

Piñeiro convidou aos asistentes a visitar o país, xa non só polos seus atractivos naturais, senón tamén pola diversidade cultural que lle outorgan as tribos que conservan incluso os seus idiomas e as súas formas de vida.

Para rematar o concorrido acto, na súa faceta de melómano, Piñeiro interpretou un tema ao órgano, ao tempo que se emitían unhas imaxes dos recunchos que máis lle sorprenderon nas súas viaxes por Venezuela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Venezuela, cos ollos dun galego do Barbanza