Un pasquín contra Trump

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

25 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

MATALOBOS

Seguro que sen pretendelo, Obama converteu os novos billetes de dólar en verdadeiros pasquíns contra as rémoras da sociedade americana.

Para ben e para mal, nos billetes e nos nomes das rúas acostuman a ir estampados os persoeiros máis sobresaíntes dun país, pero como iso de sobresaínte é un adxectivo que depende de quen o usa, poucas veces estamos de acordo en quen é digno ou non de tal distinción. As casas das moedas acostuman a poñer a algún protagonista da historia, morto ou vivo, xulgado con benevolencia e con amplas simpatías entre os cidadáns, a pesar de que as simpatías poden cambiar. Pero aínda así, sempre hai fallos na memoria histórica, e nin USA retratou nunca a Kennedy nos seus billetes, nin nós impedimos a convivencia das pesetas de Franco coas da monarquía, ou o euro con algunha imaxe de sufraxio universal. E hai casos curiosos, pois se ben sacamos un billete de mil pesetas que nos descubriu a todos a un tal Echegaray (Nobel de literatura, ministro de Facenda e «vello chocho» en palabras de Valle), houbemos de agardar á democracia para ver a Rosalía estampada nun de cincocentas.

Obama, no seu afán por demostrar que o Nobel que lle deron só por gañar unhas eleccións era merecido, impulsou, entre outras medidas, un lavado de cara co fin de amosar que o seu é o país da liberdade, propoñendo que nos billetes de dólar (as octavillas de máis ampla difusión mundial), que tan poucas veces se teñen modificado no conservador país americano, aparecese alguén máis ca presidentes, varóns e de raza branca.