«Ao longo dun mes só temos un único obxectivo: falar, falar en galego»

a. parada / A. Novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

É a responsable da coordinación do programa para o emprego da lingua autóctona

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O instituto pobrense está somerxido de cheo nunha nova edición do seu programa 21 días falando galego, polo que os seus estudantes se comprometen a empregar a lingua de Rosalía durante unha serie de actividades que teñen lugar nese período de tempo e a axudarse. Nese sentido, cada clase conta cunha «estrela da lingua», que se ocupa de lembrarlle o compromiso ao resto de compañeiros. Pilar Ponte é docente de Lingua e literatura galega neste centro de secundaria e a responsable do proxecto, que explicou nas ondas de Radio Voz Barbanza.

-¿Como xurdiu esta iniciativa?

-Esta iniciativa créase en 2013, cando nas miñas aulas identifiquei que todos, agás un só alumno, eran castelán falantes na súa totalidade e tiñan dificultades para expresarse en galego. Entón, vin a necesidade de impulsar unha actividade que se basease en dinamizar e ampliar o seu uso.

-¿Cales son obxectivos?

-A actividade ten dous grandes obxectivos. Por un lado, ampliar os ámbitos do uso nos diferentes contextos no que se fala e no tempo no que se emprega. E por outro, non menos importante, o análise persoal de cada alumno das linguas que coñece, as que está en contacto, as que estuda e o seu porqué.

-Dende que veu a luz no 2013, ¿como foi evolucionando a cita?

-Na primeira edición só participaron as clases de segundo da ESO e de primeiro de bacharelato. Como se considerou que foi beneficioso, dende entón integrouse a todo o alumnado do centro. Ademais, no terceiro ano tamén implicamos ao comercio local, aparte da sociedade. E o ano pasado introducimos os retos, que se tratan de actividades de carácter lúdico.

-¿Que novidades acompañan á edición do 2017?

-Temos dúas novidades. No 2017 propuxémonos incrementar o número de actividades aumentando os retos. Tamén iniciamos o proxecto Lendo con Agustín Fernández Paz. O premio nacional de literatura foi padriño das dúas primeiras edicións e, lamentablemente, faleceu no verán do ano pasado. Quixemos honrar a súa memoria cunha iniciativa na que parellas de lectores de todo Galicia len unha obra del e nos recomendan a súa lectura. Inclúense lectores de todas as idades, temos dende lectores xubilados a lectores de dous anos.

-¿Cantas partes hai implicadas?

-A actividade parte do departamento de Lingua galega e do equipo de normalización lingüística, pero despois implícanse diferentes departamentos e profesorado a título individual. Mais sempre tentamos que participe xente allea ao centro. Por exemplo, este ano tivemos a sorte de ter como padriño ao humorista Roberto Vilar.

-¿Este proxecto tivo algún tipo de recoñecemento institucional?

-No ano 2015, este proxecto recibiu un premio de innovación á dinamización lingüística por parte da Consellería de Educación. A dotación económica repercutiu de forma positiva no alumnado.

-¿Podería relatar algunhas das actividades que están a realizar?

-Este ano contamos cunha obra teatral de carácter sociolingüístico que está subvencionada polo Concello de A Pobra, Bicos con lingua de Talía Teatro, así como un obradoiro de regueifas. Todas as actividades son de carácter oral, non utilizamos para nada a lingua escrita. Ao longo dun mes só temos un único obxectivo: falar, falar e falar.

-¿Que balance quitan da experiencia deste programa?

-Unha actividade como esta non vai facer que un alumno que sexa castelán falante pase a ser galego falante. Iso sería un milagre. Pero só facendo as actividades do programa, aínda que non falase galego o resto do día, vai a falalo máis que en todas as aulas do curso académico. O mínimo xa é un logro máximo. Co paso dos anos estamos constatando os cambios nas actitudes lingüísticas, por exemplo, que valoren a importancia de educar aos seus fillos neste idioma.