Grazas Lorenzo Mariño

La Voz

BARBANZA

02 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os últimos artigos publicados sobre o cura de Aguiño, coincidindo co aniversario do seu falecemento, fixéronme desempoar esta vella carta que lle escribín a Chao Rego, precisamente a partir da necrolóxica que publicou sobre a morte do párroco, pero nunca chegou a ver a luz.

Estimado Sr.: Hai pouco tempo tiven ocasión de ler na súa columna da Voz de Galicia unha referencia á morte do párroco de Aguiño. Tróuxome á memoria a noticia, sucesos acontecidos aló polos anos 70-72 cando eu era estudante de medicina en Santiago. Daquela, en pleno franquismo, acababa de ser ilegalizado o sindicato democrático de estudantes e vímonos obrigados a traballar na clandestinidade, organizando os chamados Comités de Curso. Tiña eu daquela un vello dous cabalos que herdara de meu pai falecido en 1968, que sendo case o único vehículo da esquerda universitaria santiaguesa, servía igual para andar con rapazas como para o traslado de panfletos e outra propaganda clandestina.

En compañía do colega Nando Cabaleiro íamos á casa do cura de Aguiño, quen a través de contactos que non recordo, nos cedía para a impresión dos Boletíns a súa estupenda multicopiadora Gestetner, un prodixio da técnica de impresión. Nunca tivemos ocasión de atoparnos co párroco cando a media tarde apareciamos cos clichés listos para a impresión e sempre eramos recibidos con cara de sospeita pola súa nai, unha vella muller que sabía de sobra que aquilo eran ilegalidades nas que seu fillo andaba a colaborar. Volviamos de anoitecida pringados de tinta a Santiago, onde iamos repartindo un a un os paquetes por facultades, sempre co medo de ser interceptados pola policía, cousa que nunca aconteceu. Recollía o paquete de dereito o hoxe coñecido xuíz, Cándido Conde Pumpido. Son historias do pasado que non interesan, pero que me levan a sospeitar que o falecido cura de Aguiño era o mesmo que nunca cheguei a coñecer. Se así fose, saiba vostede que o seu amigo foi un anónimo e xeneroso cidadán que axudou a facer posible esta democracia hoxe tan pouco apreciada. Con mais de trinta anos de retraso, moitas grazas!. Hixinio Beiras. Vigo