O creador de Xirpín amplía a familia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O boirense ven de colocar no mercado catro novos caldos monovarietais

02 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é unha terra na que se produzan grandes cantidades de viño para a súa comercialización, pero Barbanza conta cun feixe de viticultores, veciños que teñen cepas nas súas hortas e que elaboran caldos, de xeito totalmente artesanal, para consumo propio. Esta é unha tradición que, como tantas outras vinculadas á gandaría e á agricultura, ven pasando desde moi antigo de xeración en xeración. Algúns destes pequenos bodegueiros aproveitaron o salto que se deu no 2007, coa implantación da indicación xeográfica protexida Viños da Terra, para lanzarse ao mercado, con marcas que están a ter gran aceptación. É o caso do boirense Antonio Saborido.

El estivo boa parte da súa vida traballando no mar pero, cando unha enfermidade o obrigou a desembarcar para sempre, decidiu profesionalizar un ritual no que xa viña contribuíndo, pero cuxo peso recaía ata aquel intre no seu pai. Os caldos que saen das barricas deste boirense teñen o valor engadido de procederen de cepas que teñen máis de douscentos anos. Ata o de agora, viña comercializando, baixo a marca Xirpín, dúas variedades: unha de tinto, xurdida da mestura de caíño e mencía; e outra de branco, elaborada a partires de albariño e raposo.

Pero no 2015, aproveitando a que foi unha das mellores colleitas dos últimos anos en Barbanza, Saborido decidiu dar un paso adiante. Elaborou unha partida de 1.300 botellas de raposo e outras tantas de albariño, co fin de ampliar a gama de brancos. Fixo o mesmo co abano de tintos, etiquetando baixo o paraugas de Xirpín 1.300 botellas de caíño cen por cento e a mesma cantidade de mencía.

Antonio Saborido atópase nestes intres promocionando estes novos caldos monovarietais. Hai uns días presentounos en Santiago, un dos seus principias mercados xunto coa comarca de Barbanza e Vigo. Asegura que a maior parte da súa produción se queda en Galicia: «Algunhas botellas de tinto van para Logroño e para Valencia e tamén distribúo algo por Internet».

A venda, o máis complicado

O viticultor barbancés confesa que é precisamente no eido comercial no que máis trabas atopa como viticultor: «A viña en si xera un traballo complicado a nivel físico, pero nisto, o difícil é vender a un prezo razoable. Se hai intermediarios queren gañar máis que os bodegueiros e, se non os hai, é preciso moverse moito». Engade que, a maiores, resulta imposible competir coas grandes marcas, cos prezos e coas ofertas que lanzan de xeito constante.

Aínda así, Antonio Saborido está decidido a seguir demostrando que a terra de Arousa norte pode producir caldos de calidade. A el gustaríalle multiplicar a hectárea de viñas que traballa na parroquia do Castro, pero recoñece que se trata dun reto difícil: «Aquí é case imposible co minifundismo que hai. Eu, de feito, perdo moitísimo tempo indo dunha finca para outra. Conformaríame con ter dúas hectáreas de cepas todas xuntas».

Este especialista na materia confesa que en xuño e en agosto é cando as plantacións requiren máis mimo: «Xusto despois de San Xoán é cando empezan a entrar as néboas na zona e con elas poden vir todo tipo de fungos. Despois, na recta final, hai que ter coidado coa botritis». O boirense asegura que non ten segredos no que se refire ao proceso de elaboración dos caldos: «O único que fago é decantar por sistema de frío, para que o viño bote máis tempo fermentando e non perda os sabores. Despois non lle boto nada». Por iso, alerta de que é fundamental coidar a temperatura das botellas: «Nos restaurantes que traballan coa miña marca xa saben que o Xirpín non se pode arrefriar moito, porque se corre o risco de que os azucres caian».