Páxinas e pétalos, a receita para nunca esquecer a Castelao

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

m. c.< / span>

A presentación do libro de Xosé Monteagudo, nun acto de Barbantia, serviu de preludio para a tradicional ofrenda floral na vila mariñeira

29 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O son do bater na madeira, esa foi a abertura da orquestra cultural que deu lugar á presentación da nova novela do escritor Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, o pasado venres. Pero foi moito máis que unha cita literaria, xa que este acto da Asociación Cultural Barbantia, configurouse como o primeiro dos tributos á lembranza de Castelao, un día antes da efeméride do seu nacemento hai agora 131 anos.

No interior do auditorio municipal rianxeiro -apropiado escenario ao portar o nome do autor do Sempre en Galiza-, o escultor Roberto Figueira sacáballe a melodía a unha talla coa ferramenta, á vez que acompañaba á percusión do xilófono en mans do músico Antón Alcalde.

Así se desenvolvía un debate que reuniu no escenario a autores do nivel de Antón Riveiro Coello, Xerardo Agrafoxo, ao propio autor ou ao editor da obra, Francisco Castro, e o alcalde da vila, Adolfo Muíños. Esa conversa converteuse nun paseo polas cinco historias entrelazadas que compoñen Todo canto fomos, e que empregan como sendeiro a historia de Galicia no século XX.

Deste xeito, e sen querer afastar moito máis alá da sinopse, Monteagudo brindou algunhas pistas das páxinas que recollen figuras históricas esenciais como a do propio Castelao e a de quen foi semente do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda.

No paseo da Ribeira

Asemellaba que, na mañá de onte, unhas nubes escuras se confabularan para negarse a cumprir co seu traballo, como se estivesen esperando un sinal. Mentres, as animadas cancións da Banda de Música Tradicional Río de Anxo convidaban aos máis impuntuais a coller sitio ao carón do busto de Castelao, no paseo da Ribeira. Alí tiña lugar a ofrenda floral que se realiza cada ano, dende que escultura chegara en 1975.

Ante a presenza do público achegado e de membros das formacións políticas locais do BNG e do PSOE, o rexedor rianxeiro sinalou a evolución do nacionalismo que nacera das Irmandades da Fala, para rematar citando os versos que unha vez vertera Lorenzo Varela: «Irmán, olla por nós dende o vento do alén, olla por nós, irmán».

Tralas verbas de Muíños, foi a voz do presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, o encargado de rescatar do esquecemento as ideas que legou o dono de Cousas: «A Galicia non a fixeron os grandes persoeiros, fixérona eses milleiros de galegos, pequenos vagalumes que foron estercando e abonando o que somos». Acto seguido, soou o himno galego e, coa derradeira nota, as gotas da choiva comezaron a bicar a coroa de flores.

Pechouse a xornada pola tarde no auditorio cun coloquio sobre a relación de Castelao co País Vasco, ao que asistiu o portavoz do PNV no Senado, Jokin Bildarratz.