A conta atrás máis esperada está en marcha

La Voz

BARBANZA

cedida

A Real e Ilustre xa lle puxo data á singradura número 69, que arrancará o 19 de xullo e culminará o 24

29 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para unha boa singradura, a tripulación precisa da preparación axeitada. Por iso, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna xa puxo en marcha ás peñas, que serán as que lle dean forma a unha nova edición da singular festa, a número 69. Fíxoo iniciando a conta atrás para a subida en Ribeira da maior das mareas ou, o que ven a ser o mesmo, fixando as datas clave, o período comprendido entre o 19 e o 24 de xullo que, nesta ocasión, será festivo local.

Aínda que queda tempo e tempo para ir perfilando o programa de actividades, na xuntanza que tivo lugar a noite do venres na Casa do Mar, xa se lle puxo data a algunhas das citas máis destacadas. O Jran Prix de Carrilanas disputarase o domingo 23, mentres que a Cansión de Tasca terá lugar na xornada anterior.

A Real e Ilustre aproveitou o encontro para tomar unha das decisións máis importantes da festa, a relativa á cor que terá a marea que ao longo de seis días invadirá a cidade ribeirense. Descartados os tons dos últimos anos, así como a gama de azuis, pola coincidencia coa edición do 2016, os presentes acordaron que as sudadeiras que se poñerán á venda nesta ocasión serán vermellas.

Falta por elixir a ilustración, tanto desta prenda de vestir coma do cartel que se empregará para promocionar a singradura, pero déuselle a saída a ámbolos dous concursos de debuxo. Os interesados en participar xa poden consultar as bases na páxina web da festa. Teñen ata o 12 de marzo para facerlle chegar as propostas á entidade.

Próximas citas

O encontro de peñas tamén serviu para poñerlle data a unha serie de actividades previas á singradura dorneira. Dúas delas teñen carácter benéfico: a cea de peñas que se levará a cabo o 1 de abril e un torneo de fútbol 8 que se disputará na Fieiteira o 17 de maio. A outra consistirá na botadura da dorna Jalerna con motivo do seu vixésimo aniversario. A maiores, a Real e Ilustre participará, entre o 29 de xuño e o 1 de xullo, no Encontro de Embarcacións Tradicionais.