«A arte universal é enriquecedora, fainos ver as nosas limitacións»

nacho c. beiro

BARBANZA

A técnica do gravado, que descubriu hai 22 anos, cambioulle a vidaRosana Calvo Gravadora, pintora

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como esa gota que martela na rocha incansablemente ata o seu desgaste, Rosana Calvo brande a súa paciencia; con forma de punzóns e burís; brunidores e ceras. Por entre os brillos das pranchas e da súa mirada achegada, acaece o eterno milagre; parto da creación.

-A curiosidade corróeme e, por que non, solto a miña pregunta. Quen encontra a quen?

-Difícil pregunta! A que te refires? -Sorrío.

-O gravado a ti, ou...?

-Encóntrame o gravado, un día de verán.

-Explícamo!... se non é indiscreción.

-Estaba na praia cando un amigo me comentou que comezaba un curso de gravado, no Liceo. Eu, que naquel momento descoñecía o que era o gravado, unicamente lle preguntei unha cousa. «Quen é o profesor?». «Alfonso Costa» -díxome-, e non o dubidei, a pesar de que os meus fillos eran pequenos; e empecei ao día seguinte.

?Resultou positivo?

-Tanto, que me marcaría o resto da miña vida.

-Pasaron xa máis de vinte anos, segundo creo (corríxeme se me equivoco), desde ese encontro. Segue a mantérseche a ilusión?

-Cumpriranse 22 anos este verán, e moito renderon: houbo momentos bos e outros non tanto; porén, as experiencias e o traballo de todo este tempo debo valoralo como moi positivo. O que comezou como unha afección a tempo parcial foise transformando en algo máis profundo e a tempo completo; polo tanto, a ilusión non só se mantén senón que é o motor que me permite seguir traballando nunha nova fase.

-As túas últimas exposicións foron máis de pintura ca de gravado. Fálame dela!

-Con 19 anos regaláronme un cabalete de campo e un equipo de pintura; daquela non había onde aprender a pintar, e facíao pola miña conta. Tiven a oportunidade de ir ás clases dun pintor, en Bilbao, un mes que pasei alí de vacacións, pero, ao iniciar as clases na universidade, deixeino. Volvín retomala hai uns poucos anos ao experimentar cunha técnica de gravado que está máis próxima da pintura, o monotipo, e con ela descubrín un mundo de cor que me absorbeu. A pintura espertaba outras sensacións, un magnetismo inexplicable. Por ser máis novidosa, quixen mostrala, e estes últimos anos expúxena a modo individual e conxuntamente co gravado, porque teñen moito en común.

-Antes de gravadora ou pintora, está Rosana. Que che dá a arte?

-A arte con letras maiúsculas utilízase demasiado á lixeira por todos aqueles que, dunha maneira ou outra, se moven nun mundo artístico. A arte universal é enriquecedora, fainos ver as nosas limitacións e o moito que temos que aprender, ao tempo que mantén o desexo por crear, e é un reto de satisfacción persoal o poder facelo. Canto ao meu traballo, é importante gozar do proceso creativo, e a sensación de experimentar afástame do mundo que me rodea e saca o meu eu máis profundo, aprendendo a cada paso: transmitindo os meus coñecementos ás alumnas de gravado e logrando ilusións, compartidas e persoais.

-Tanto ti coma min, Rosana, non pretendemos perder o tren, valla a metáfora, para dicir que a entrevista vai rematando. Quédannos talvez minúsculas frases que escribir, e quixera, pola miña parte, lelas con ansia de futuro.

-Futuro? O meu futuro? En pouco tempo a miña vida deu un xiro de 180 grados: dedicarme profesionalmente ao que me apaixona foi abríndome oportunidades que guían o meu camiño. Montei un taller de gravado que acaba de transformarse no espazo de arte Dous que, sen perder o meu espazo de traballo, complementa facetas inimaxinables. Escultura, pintura, gravado, acuarela … Unha morea de técnicas e estilos de arte e de deseño. Isto só é o inicio. Proxectar esa arte a un campo aberto, interactuar e expandir os soños é o meu próximo proxecto; actuacións que se materializarán proximamente.

-Dende a plataforma, o revisor lanza a súa derradeira chamada: partir ou quedarse. O festina lente do romano Augusto voa con ás de premonición sobre nós. Mentres haxa unha minúscula partícula sensible neste airemagnun de galaxias, creo, Rosana, que nada nin ninguén logrará eliminar ese agridoce resplandor chamado arte.

O estridente son, baixo das cóncavas e ennegrecidas naves da estación, dá comunicación de partida. Dispostas a perderse, flotan no aire preguntas e respostas que xamais verán luz. O camiño fíxose idea; a idea futuro. Rosana, con maletas de incertidume, viaxa xa coa ollada fixa no resplandor. Un branco pano despídea … Ou quizais lle dea a benvida?

Alea iacta est.

«Montei un taller que acaba de transformarse no espazo de arte Dous»

«A arte con letras maiúsculas utilízase demasiado á lixeira»