As terrazas-galpón

carlos f. coto DESDE FUERA

BARBANZA

26 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A lei 42/2010 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo trouxo consigo unha moda en Galicia: habilitar espazos cubertos fóra do edificio para beber e fumar. Pouco a pouco, bares e cafetarías foron botando mesas á rúa, ocupando o espazo público, e cubríndoo. Lonas de distintas cores e con publicidade das empresas que as regalan campan polas rúas e polas prazas, creando un novo escenario urbano, cambiando a imaxe anterior. Moitos concellos redactaron ordenanzas específicas para controlar a situación e darlle certa cobertura legal a estes recintos. Outros, simplemente consenten, sen regulación ningunha.

As xa coñecidas como terrazas-galpón poderían estar esquivando tamén as normas urbanísticas, por invadir un espazo público pensado para as persoas, xa que os planeamentos teñen en conta estándares de superficie de solo público en relación cos metros edificables, tamén as aliñacións das edificacións. As terrazas pechadas -que non se poden considerar provisionais porque están instaladas todo o ano- reducen a proporción de espazo para a cidadanía. Deixando á parte outros aspectos como que dificultan a capacidade de evacuación dos propios establecementos, poñendo en risco a seguridade no interior do local, porque os toldos son inflamables e non resisten moito tempo o lume.

O colmo do asunto é que a lei pola que nacen prohibe fumar dentro delas cando teñan teito (ou toldo) e faldróns laterais e algunhas incluso están pechadas por completo, con sancións de ata 600.000 euros para o local.

Como noutros eidos, en vez de mirar pola excelencia urbana, estamos convertendo as nosas vilas en feiras.

Puede enviar sus textos a la dirección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es