«Quero que a xente saia coa sensación de que o gravado non é un mundo elitista»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

c. queijeiro< / span>

Considera necesario poñer en marcha un proxecto máis lúdico e didáctico co que explicar os conceptos básicos e as técnicas

22 ene 2017 . Actualizado a las 13:23 h.

O mundo editorial e o da ilustración sempre estiveron vinculados, polo que tiña todo o sentido que un lector empedernido, amante da literatura e da arte nas súas distintas expresións, collese as rendas do Museo do Gravado de Artes. Xoán Pastor Rodríguez Santamaría (Xuño, 1973), recoñece atoparse «cómodo e contento» na súa faceta como director da sala ribeirense, un labor que o historiador e ensaísta compaxina co traballo de coordinación da asociación Barbantia.

-¿Como foi a primeira toma de contacto?

-As primeiras impresións son boas. Hai moito traballo que facer, e polo de agora, a primeira toma de contacto consistiu en localizar os fondos, xa que temos máis de 30.000 gravados. Hai que situarse e ver as coleccións que hai, tamén a biblioteca, onde fundamentalmente hai libros que teñen que ver co mundo do gravado ilustrados por grandes artistas, para afacerse ao novo posto.

-¿Cal considera que é o principal reto para a sala de exposicións?

-Hai varios, pero o principal quizais sería o de colaborar con outras entidades de fóra de Galicia. Xa hai convenios con outros países, coma por exemplo con Portugal ou Estados Unidos. E, aparte de seguir afondando nesta rede na periferia, é importante traballar tamén con outras institucións de aquí, de Barbanza. O ano pasado xa tivo coleccións o Concello de Boiro e para este están pedidas polo de Porto do Son e outros da zona, así coma polos centros de ensino e culturais. O obxectivo é que perciban todos o centro como unha das riquezas culturais do Barbanza.

-Este ano abriuse cun primeiro proxecto expositivo, Litografías de Antonio Saura, que se inaugura oficialmente o venres, ¿ten xa pechada a programación para os próximos meses?

-Hai unha programación pechada que xa se realizou o ano pasado. En febreiro inauguraremos unha exposición do Concello da Guarda (Portugal), na que poderemos ver o primeiro simposio de arte contemporánea da cidade da Guarda e poderanse contemplar nel, a partir de febreiro, as propostas dos artistas portugueses do mundo da serigrafía.

-¿Que virá logo?

-Temos, por exemplo, a homenaxe aos gravadores galegos, que este ano se dedicará a Jorge Castillo, unha exposición sobre o Guernica ou artistas convidados de fóra, como José Fuentes, Florencio Maíllo. Ademais, aparte do oitavo premio Atlante que se está a realizar todos os anos no mes de setembro, haberá unha gran exposición, como a última dedicada a Cervantes, esta vez sobre Cristóbal Colón, que ocupará as tres salas do centro. Nela recolleranse as dúas visións, a do Colón descubridor do novo mundo e a da invasión do continente, con obra gráfica e bibliográfica e gravadores como Schlotter ou Vicente Urrabieta, entre outros.

-Chegar aos mozos e romper esa barreira invisible para que os máis novos entren nos museos é un problema común, ¿hai algún proxecto nese respecto?

-Está dentro dos nosos proxectos. No Barbanza, concretamente en Boiro, hai un instituto no que se imparte o bacharelato de Artes e moitos deses rapaces poden ver aquí obra orixinal dos autores que estudan. Moitos deles elixiron esta rama formativa porque fan arte e sería bo darlle a oportunidade de presentar a súa obra a través dun certame pensado para a xente que está comezando.

-Un certame xa consolidado é o Atlante, que axudou a poñer no mapa a nivel internacional o museo de Artes, ¿queda o maior traballo por facer na propia casa?

-Sabemos que o Museo do Gravado é moi recoñecido nacional e internacionalmente, pero moitos dos nosos veciños non saben que existimos e que un centro con nome no estranxeiro se atopa nunha aldea de Ribeira.

-¿Hai vocación de dar máis presenza ao artista local no museo?

-A miña intención é esa. Aínda que este é un museo específico do gravado, algunha das salas vai estar dedicada a outros artistas e, entre eles, os galegos e os locais.

-E, en canto aos talleres e actividades paralelas que acolle o museo, ¿hai novidades á vista?

-O certo é que teño previsto trasladar ao padroado unha serie de propostas para impulsar algo que teña que ver especificamente co mundo do gravado. A pesar de ser o Museo do Gravado, non hai un tórculo. Penso que sería esencial poñer en marcha un proxecto máis didáctico e lúdico, enfocado tamén aos máis novos, co que explicar que é o gravado e as diferentes técnicas que hai. E, a partir de aí, ensinar os distintos autores, que os visitantes poidan tocar un buril e experimentar por eles mesmos coa xilografía o gravado oco, por exemplo, e levar ese traballo para a casa. Quero que a xente saia coa sensación de que o gravado non é un mundo elitista e achegala ao traballo que están a facer tamén os grandes gravadores de hoxe.

-Recoñecía Javier Expósito, propietario da colección do museo que agora xestiona o Concello de Ribeira, que non había suficiente espazo para exhibir tanto fondo como hai e falaba dunha ampliación, ¿será este ano?

-Non teño constancia aínda diso. Non reunimos o padroado para falar deses temas. O que si se vai facer é algunha reforma exterior na rampla para persoas con discapacidade, que está un pouco deteriorada, e outros arranxos menores. Respecto ao almacenaxe de fondos, o que se fixo nos últimos meses foi unha ampliación do depósito, posto que se quedaba pequeno para a cantidade de obra almacenada, grazas ao Concello de Ribeira, ao que tamén hai que recoñecer a súa colaboración para conservar os fondos que hai en Barbanza. Estase facendo un esforzo para manter aquí a colección, pois hai moitas institucións interesadas en que vaia para as súas cidades.

«Estase facendo un esforzo para manter aquí a colección, pois hai institucións interesadas nela»

«Haberá unha gran exposición dedicada a Cristóbal Colón que ocupará as tres salas do centro»