Aguiño exhibe o seu potencial en memoria de Francisco Lorenzo Mariño

La Voz

BARBANZA

cedida

Unha mostra de imaxes da vila e os concertos de Álex Millet e da Rondalla local, pratos fortes da Semana Cultural

15 ene 2017 . Actualizado a las 17:57 h.

O vindeiro luns cumpriranse 13 anos da morte de Francisco Lorenzo Mariño, un cura que deixou unha fonda pegada na parroquia de Aguiño que, cada ano por estas datas lle ven rendendo homenaxe. Nesta ocasión, o colectivo de veciños que leva o nome do párroco preparou un programa no que o feito local cobra protagonismo.

Historia

Día 20 • Conservatorio de Aguiño • 20.30 horas • Xosé Antonio Otero Sobrido, o arquiveiro municipal de Ribeira, será o encargado de abrir a duodécima Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño, coa charla Aguiño: imaxes propias. Fotografías, reflexo do carácter dun pobo. O relatorio completarase cunha serie de instantáneas da parroquia que achegarán Antonio Parada Mariño, Chicho de Marcos e Manuel Paz García. O músico local Álex Millet, que ven de publicar a súa primeira maqueta, ofrecerá un pequeno concerto.

Ofrenda floral

Día 21 • Cemiterio de Porto do Son • 17.00 horas • Unha delegación de veciños de Aguiño desprazaranse o vindeiro sábado ao cemiterio de Porto do Son, onde está enterrado o cura, para realizar unha ofrenda floral, que incluirá a lectura dun manifesto e a actuación dun grupo de gaitas. Posteriormente, ás 19.30 horas, terá lugar unha misa na igrexa do Carme.

A última cita desta segunda xornada terá un carácter máis lúdico. Ás 20.30 horas, a compañía Daboapipa recalará no conservatorio da localidade para presentar o espectáculo Historia de vida, guerra, amor e case morte.

Colofón

Día 22 • Conservatorio de Aguiño • 18.00 horas • Teatro e música fusionaranse na xornada de clausura do ciclo cultural. Caxoto entreterá aos presentes con Contos para escoitas mentres bailamos un vals. Será antes do concerto de bandas sonoras que ofrecerá a Rondalla local.