Castelao segue a encher de cultura Rianxo

La Voz

BARBANZA

José Manuel Casal

A poetisa Eva Veiga abrirá un cartel que inclúe literatura, teatro, música e a tradicional ofrenda floral no paseo

11 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado cumpríronse 67 anos do pasamento de Castelao, pero a súa ilustre figura segue a encher de cultura a vila de Rianxo que o viu nacer. O venres, de feito, arrancará un programa que pretende renderlle homenaxe ao autor de Sempre en Galiza. Trátase dun conxunto de actividades que inclúe literatura, teatro e música, para culminar, a finais de mes, coa tradicional ofrenda floral, coa que se conmemorará o aniversario do nacemento do escritor, o 30 de xaneiro de 1886.

A poetisa Eva Veiga será a encargada de darlle a saída a este programa. O venres, ás 20.30 horas, presentará no auditorio da vila Soño e vértice, a obra coa que gaño o premio de poesía Concello de Carral na súa edición número 18. Estará acompañada de Armando Requeixo, crítico literario e ensaísta; de Xoán Pastor Rodríguez, coordinador de Barbantia; e de Raquel García Abuín, concelleira de Cultura de Rianxo.

A compañía Fantoches Baj collerá o relevo o día 20 para representar a emblemática obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. A particularidade desta montaxe é que os personaxes son monicreques. Baixo a dirección de Inacio Vilariño, a agrupación ofrecerá dous pases, ás 10.00 e ás 12.00 horas, que están dirixidos a escolares do municipio.

Ese mesmo día, ás 20.30 horas, Xoán Pastor Rodríguez tomará a palabra para facer un percorrido pola xeración de Castelao en Barbanza. A idea do filólogo, investigador e ensaísta é falar da influencia que o escritor rianxeiro exerceu na obra dos seus coetáneos. A presentación da conferencia correrá a cargo da poetisa Helena Villar Janeiro e do rexedor local, Adolfo Muíños. O Cuarteto de Biselas redondeará o fin de semana ofrecendo un concerto o sábado 21.

Cita de Barbantia

Os Actos Castelao deseñados polo Concello rianxeiro inclúen a cita mensual de Barbantia, fixada nesta ocasión para o vindeiro día 27. Da man da asociación recalará na vila mariñeira Xosé Monteagudo, que presentará a novela Todo canto fomos. Estará acompañado do historiador Xerardo Agrafoxo e do escritor Antón Riveiro Coello. Acudirán tamén o alcalde e un representante da editorial Galaxia. Mentres ten lugar a presentación literaria, o artesán Roberto Figueira realizará unha intervención plástica, mentres que o peche correrá a cargo do músico Antón Alcalde.

A ofrenda floral que terá lugar no paseo da Ribeira o día 28, ás 12.30 horas, marcará o fin do programa de actividades culturais.