Antonio Lijó: «Hai máis vida cultural que nunca, pero agora é máis privada que pública»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo< / span>

O ente foi condecorado co premio Altofalante 2016 pola súa defensa da cultura

04 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que o coñecen saben que a cabeza non lle para. Antonio Lijó (Ribeira, 1966), Tucho Plaza para os seus veciños e amigos, confeccionou nunha viaxe a Washington o que un ano despois se converteu no Ateneo Valle-Inclán. Era 2006 cando o espazo cultural abriu as súas portas para que os mozos da Centenaria tivesen un lugar no que estudar. O ente, vivindo un proceso natural, mudou cos anos, pasando a dar cabida a presentacións de libros e charlas de toda índole. Actualmente traballa como casa para todos, un teito no que xuntarse e loitar para cambiar o mundo. Esa hospitalidade fixo que a asociación Altofalante pensase nel para entregarlle o seu premio anual. O motivo non foi outro que o de ter sempre unha man tendida para quen necesite axuda.

-No voso décimo aniversario outorgáronvos o premio Altofalante. ¿Que significa para vós?

-É un orgullo que pensaran en nós, levamos dez anos traballando e este é o segundo premio que nos dan, despois do que nos concedeu a asociación Barbantia. Os dous axudan moito, permítenos crer que o camiño que seguimos é o correcto.

-Dende Altofalante xustificaron o galardón polo voso apoio a todo tipo de asociacións, partidos e ideoloxías. Chegados ao ano 2017, que isto ocorra é aínda revolucionario.

-Pódese considerar así [risas]. Estamos abertos a todo, somos unha institución privada e estamos obrigados a abrir as nosas portas a quen nolo pida. Aquí non dividimos, non preguntamos, só buscamos un oco na axenda para atopar un día libre. Cremos e defendemos que debemos axudar a quen o necesite.

-¿Como naceu o Ateneo?

-Foi nunha viaxe a Washington no 2005. Visitei unha librería Barnes and Noble e gustoume o que tiña diante. A xente podía sentarse e ler os libros, coller unha revista e tomar un café. Pareceume unha idea fantástica e quixen traela para aquí. Nós xa tiñamos a cafetería e cando volvín non dubidei e montei a librería. Pensámolo como un lugar onde os rapaces mozos puidesen estudar e conectarse a Internet, non tiñan como facelo naquel momento. Fomos o primeiro lugar de Ribeira onde houbo wifi.

-A función do Ateneo foi evolucionando co paso do tempo.

-Foi unha transformación natural. Funcionou moi ben coa xente moza, pero co tempo o Internet foi chegando ás casas e nós cambiamos. De aí converteuse nun lugar onde presentar libros e dar conferencias. Un día a escritora Uxía Casal pediume un oco e a partir de aí empezaron a pasar nomes propios como Camilo Nogueira, Manuel Jabois ou Rodrigo Cota. Uns foron traendo aos outros. Daquela Ribeira era un deserto, coa chegada do Lustres-Rivas xa hai una diversidade.

-¿As charlas e as presentacións seguen tendo forza?

-Están máis paradas, cada vez ven menos xente, só se enche si o escritor é alguén mediático. É unha cuestión xeral, pasa aquí e no resto de España. Se ocorre en cidades de 300.000 persoas xa te podes imaxinar nunha de 30.000.

-A pesar disto, o Ateneo está ocupado os 365 días do ano.

-A axenda está chea. Cada vez hai máis asociacións, clubs e entidades que nos piden un oco, que se están movendo e que intentan dinamizar a cidade. Hai máis vida cultural que nunca, pero agora é máis privada que pública.

-¿Cal é o seguinte paso que ten pensado dar o Ateneo?

-Cambiará, pero seguirá facéndoo de forma natural. Todo se transforma e gozamos de saúde, o que teño claro é que todos terán un oco no Ateneo.

Puntos a destacar

Un éxito. O Ateneo teimou para que unha céntrica praza de Ribeira levase o nome do poeta Pablo Neruda.

Fondos. Máis de un milleiro de libros ocupan os estantes do espazo cultural.

Liberdade. Quen o precise só ten que acudir polo Bar Plaza e preguntar por Tucho.