Cóctel de teatro, música, maxia e baile

La Voz

BARBANZA

cedida

Isabel Risco, Luís Iglesias, Xabier Deive, Alonso Caxade e Teto, entre as estrelas que se darán cita en Ribeira

13 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres • Auditorio de Ribeira • 21.00 horas • De luxo é o elenco que este venres desembarcará no auditorio de Ribeira con motivo da Gala da Irmandade, unha actividade incluída no Outono Cultural da Deputación coruñesa. Teatro, música, maxia e baile fusiónanse nun cóctel lúdico que pretende trasladarlle ao público a concepción ideolóxica das Irmandades, da sinerxía que supuxo para Galicia a unión dos máis destacados artistas das diferentes disciplinas.

Maquinaria Pesada, a compañía liderada por Isabel Risco, será a encargada da presentación. A nivel teatral, tamén se subirán ao escenario do auditorio municipal Os Quinquilláns, que situará ao público no contexto histórico das Irmandades, e os actores Luís Iglesias e Xabier Deibe, de Boneca Lareta. Ámbolos dous achegarán á gala un dos números da súa exitosa Sede de mal, unha obra que fala dos galegos e da orixe da muiñeira.

Da música encargarase Alonso Caxade, que interpretará en vivo e en directo un repertorio que encaixa á perfección cos obxectivos da gala; mentres que as sorpresas chegarán da man o Mago Teto, que creou para a ocasión un número especial.

Completan o cartel Mónica de Nut e Ánxela Blanco, dous novos valores no eido do canto e da danza. O seu número mesturará ópera e baile contemporáneo, que trasladará ao público a un momento e a unha época especiais.

Grupo local

A Gala da Irmandade ven percorrendo, desde comezos de novembro, diversas localidades da provincia coruñesa. En cada unha delas, o programa complétase cunha agrupación local. No caso de Ribeira, a formación elixida é Aires do Barbanza, as cantareiras da asociación Amas de Casa.

Este espectáculo, considerado o prato forte do Outono Cultural da Deputación, está dirixido a un amplo abano de público, principalmente adulto e xuvenil. No marco deste programa, mañá representaranse no auditorio ribeirense dúas funcións: O conto de Barriga Verde (10.00 horas) e Retrincos (12.30). Son funcións en homenaxe a Manuel María e Castelao, dirixidas aos estudantes.