Non perdamos a FEB

BARBANZA

11 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana finou Gladys Bermúdez, a única muller que estivo á fronte da patronal comarcal, é dicir, a Federación de Empresarios do Barbanza (FEB). Ela chegou ao cargo tomando o relevo de Pablo Martelo cando no seo da entidade as diferenzas entre dous sectores ameazaban o seu futuro inmediato. A dirixente da asociación de Muros gañou as eleccións por moi pouco e foi quen de propiciar unha andaina de catro anos na que tratou de darlle outro aire á FEB, desde conseguir acabar coa dependencia da patronal das axudas oficiais, ata aplicarlle un toque de modernidade aos premios Dolmen, para que a gala de entrega fose máis lixeira e que non se repartiran os galardóns sen uns mínimos criterios. Cando Gladys e os seus inmediatos antecesores, Pablo Martelo e Ramón Hermo, insistían tanto na importancia de que a actividade da Federación non fose tan dependente das subvencións, daquela había quen pensaba que eran quixotescos, que mentres mamá Xunta e papá Deputación soltasen tela, para que preocuparse do autofinanciamento. E, como din que o mellor xuíz que hai é o tempo, agora estamos a ver canta razón tiñan, e constatámolo cando a patronal barbancesa xa está ferida de morte pola falla de financiamento; pero se a «matriarca» empresarial está moribunda, as súas fillas a nivel local ou xa están mortas ou acosadas pola fauna cadavérica á espera de que sucumban, e tamén a elas lles está a fallar a mesma respiración asistida: os fondos públicos cos que sobreviviron nos últimos tempos. Tiñan razón os dirixentes empresariais citados e tena tamén José Ramón Romero, o actual, porque non se pode asentar unha entidade en cimentos de barro, e se para sobrevir dependes dos cartos públicos, xa se sabe que estes van e veñen en función da tendencia do goberno do organismo correspondente e a afinidade do presidente do colectivo, de tal xeito que nalgúns casos, nin sequera, uns, teñen clemencia da feble subsistencia dos outros. Lamentablemente, se non hai alguén que o remedie e, agora si, ese alguén ten que ser unha Administración que abra un pouco máis man, podemos estar asistindo á desaparición do movemento empresarial organizado que, o desta comarca, chegou a ter un enorme peso a nivel galego, e sería triste que o deixáramos ir porque, os que fomos testemuña das súas case que tres décadas de funcionamento, damos fe de que, ademais de conseguir dar servizo aos seus asociados, e especialmente á pequena empresa e ao comercio que por si mesmos pouco podían conseguir, cando fixeron falla na demanda de infraestruturas e de servizos estratéxicos, non dubidaron en poñerse á fronte. Non perdamos a FEB, polo que foi, polo que é, e polo que pode seguir sendo... e incluso, se queren, polo respecto ao traballo e á memoria de Anxo Cristobo e Gladys Bermúdez.