«Barbanza é o capital principal das miñas historias e contos»

O ribeirense recollerá hoxe en Porto do Son o sereo da asociación Barbantia no ámbito da cultura galega

a. novo
Ribeira / La Voz

Di que se non fora artista sería músico, a súa vocación frustrada. Quico Cadaval non entende este mundo que habita e axita sen a cultura, un ben que defende só e baixo os escenarios. O ribeirense, que conta cun extenso currículo artístico e un posgrao na comedia, foi entrevistado en Radio Voz Barbanza tras coñecerse que recibirá o sereo no ámbito da cultura galega da asociación Barbantia, premio que lle será entregado hoxe mesmo nun acto que terá lugar en Porto do Son.

-Unha pregunta de rigor, ¿como recibiu a concesión deste premio?

-Como dixo o ano pasado o meu predecesor e curmán, Manuel Ayaso, estes premios son paladas para enterrarse. Van avanzando para facerche un monumento post mortem (ri). Falando agora en serio, é un recoñecemento feito por unha asociación activísima que reúne a unha parte moi importante da cultura do Barbanza e eu, aínda sen merecelo, téñollo que agradecer, porque hai xente que o merece moito máis ca min.

-A súa vinculación co teatro vén de longo, ¿como foi o seu primeiro contacto con este mundo?

-Foi no século pasado, penso que nunha época onde non había ningunha estrada nin autovía eu entrei nunha compañía de teatro de Ferrol, chamada Pequeno Obradoiro de Teatro. Aínda non eran os anos oitenta, estabamos na cultura da resistencia antifranquista. Pasábase moito frío ensaiando e niso non cambiamos, no teatro actual séguese a pasar moito frío.

-É un home polifacético onde o haxa: humorista, actor, escritor, narrador... ¿con cal se queda?

-A miña faceta artística favorita é a de saxofonista, pero como non teño nin idea de tocar este instrumento téñome que resignar con andar polo mundo como un contador de historias, de narrador, falando ben de Ribeira e de Barbanza, porque é o capital principal das miñas historias e contos. Tan mal falo destas terras cando estou por aquí como o fago de ben cando ando polo mundo adiante, en Bogotá, en Getafe, en Cracovia...

-Falando desas historias que leva polo mundo sobre Ribeira e Barbanza, ¿cal é a importancia da narración oral en todas elas?

-A verdade é que a tradición oral é unha cousa que había e pasoulle como a Saraxevo, empezou a disparárselle dende todos os lados para destruíla. Iso pasou, aproximadamente, nos anos corenta e cincuenta. A xente foise e aos vellos mandábanlles calar porque non dicían máis que parvadas. En consecuencia, a tradición oral está nun estado de saúde bastante delicado. Pero a cultura oral, a de contar contos, a de xuntarse, as charlas cosendo ou chiquiteando e o reunirse arredor dunha sobremesa, continúan sendo a nosa maneira de expresarnos.

-Móvese como peixe na auga na comedia, un xénero difícil, en canto que o humor é subxectivo...

-Vas collendo experiencia e hai un momento no que chegas a ter un arquivo, un repertorio. Cando hai co que sempre rin en todas partes, e chegas a algún lado onde non o fan, quedas cun pe no aire. Aínda que de que para nós, para min e a miña compañía, da que forman parte tamén Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, non o é tanto porque estamos xa moi curtidos nel e é algo que a xente agradece. O que xa non se pode facer, por exemplo, é a traxedia, porque xa ninguén traga con iso. A xente agora chora máis coa televisión porque un millonario matou a moza, algo que máis que traxedia é melodrama, un xénero moi criticado, por outra parte, que a min me gustaría probar.

-En canto aos proxectos de futuro, ¿que temas pendentes ten?

-Un tema pendente que me absorbe completamente neste momento é que no ano 2017, por primeira vez, imos a facer a Valle-Inclán en galego. Como ata agora os dereitos non pasaran ao dominio público estaba prohibido, pero xa se pode. Valle-Inclán xa é de todos por fin. O certo é que era unha vella teima a de montalo e facelo con toda a calma. Escollemos a Cabeza do dragón, unha historia estimulante, chea de lances, de acción, un ataque dunha terrible besta e, sobre todo, con moita crítica social e sarcasmo. É o noso maior proxecto artístico, con oito actores en escena, con música composta especialmente para a ocasión, interpretada polo Taller Atlántico Contemporáneo, que dirixe outro barbancés, Diego García Rodríguez. Botamos para este proxecto a casa pola ventá. Desta ou rompe ou racha.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Barbanza é o capital principal das miñas historias e contos»