«O sereo de Barbantia para nós é algo grande e importante»

BARBANZA

MARCOS CREO

A entidade noiesa recibirá o sábado en Porto do Son o premio á iniciativa cultural
do Barbanza

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Félix González Túñez (Noia, 1955), a pesares de estar xubilado, non para. Dende hai anos é un dos responsables da Asociación Mar de Noia e o director do museo desta entidade que naceu grazas á paixón dun grupo de persoas relacionadas co mar. Este colectivo recibirá o sábado en Porto do Son un dos sereos da asociación cultural Barbantia, á mellor iniciativa cultural da comarca. Félix González ten moito que ver neste premio pois é unha das principais cabezas visibles dun museo que abriu as súas portas hai cinco anos e hoxe é un referente.

¿Que relación ten vostede co mar para que lle tire tanto?

A miña vida profesional está relacionada co mar. Naveguei por case todo o mundo e cando me xubilei cun grupo de amigos, fundamos a Asociación do Mar de Noia. Comezamos a reunir pezas e a facer exposicións por Galicia adiante. A máis grande que montamos foi en Santiago, onde ocupamos 2.200 metros cadrados. Foi impresionante.

¿Como naceu a idea do museo?

Pois como cada vez tiñamos máis cousas fomos pensando na posibilidade de contar cun recinto fixo e mostrar as nosas pezas, que proceden case todas elas de dacións de colaboradores e veciños. Así comezamos a buscar un sitio axeitado ata que o exalcalde Rafael García nos cedeu as antigas dependencias da praza de abastos.

¿Foi difícil instalarse?

A verdade e que si. Comezamos a montar todo no 2011, nunhas dependencias que estaban en moi mal estado. Son 200 metros cadrados pero tivemos que traballar arreo para poñelo en condicións. Hoxe estamos moi orgullosos, pois conseguimos sacalo adiante.

¿Cal é a súa distribución?

Nós temos quince apartados dentro do museo. Dende fotos ata motores, embarcacións, cunchas, aparellos de pesca e outras máis. De vez en cando cambiamos e dedicámoslle unha tempada a algo en concreto. Agora mesmo temos exposto un belén mariñeiro que ocupa un espazo duns trinta metros cadrados que veñen visitar nenos de todas as partes. O ano pasado contemplárono unhas 25.000 persoas só no Nadal. Tamén facemos todos os anos unhas xornadas ás Letras Galegas. A nosa intención é darlle vida, organizando cousas distintas. Estes días contamos tamén cunha exposición de fotos relacionadas co marisqueo que está tendo moito éxito.

¿Por que ten tanto éxito?

O éxito son as persoas que colaboran nesta iniciativa, pois somos arredor de duascentas as que aquí estamos implicadas.

¿Que significa para vostedes a concesión do sereo de Barbantia?

O sereo de Barbantia para nós é algo grande e importante, un agradecemento polo labor e o traballo dun equipo humano. Todos nos sentimos identificados con esta iniciativa e cun museo que cada ano visitan arredor de 60.000 persoas. Isto é marabilloso. Ademais, é unha homenaxe a moitos compañeiros que xa non están aquí.

¿Cales son os obxectivos dos responsables do museo?

O noso obxectivo inmediato é facer un gran museo. Xa está proxectado e deseñado dende o 2014. Está todo listo para comezar as obras, pero as autoridades son as que mandan, e esperemos que comecen pronto.

¿Como vai ser?

Vaise tirar o actual para construír un edificio novo de catro plantas e seguro que o enchemos ben, pois nós temos na actualidade material para ocupar 2.000 metros cadrados.

¿Que novidades terá?

A nosa intención é que teña un planetario e tamén un criadeiro de bivalvo para que a xente de fóra coñeza como medra o berberecho, a principal materia prima da nosa ría.

¿Como se sente Noia identificada co museo?

Esta é unha vila mariñeira e todos os veciños séntense identificados co museo. Aquí pódese ver a evolución da localidade e tamén a súa historia. Está todo aquí metido.

¿Que é o que máis lle chama a atención?

Cando ven xente maior a traer fotos de seus pais ou familiares. É algo moi especial.