Maxi Olariaga, Museo do Mar de Noia e Quico Cadaval, premios da cultura

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl > </span>
MARTINA MISER< / span>

Súmanse á terna Enrique Paisal, a Asociación Lorenzo Mariño e Clodio González

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na décima edición dos premios cos que Barbantia recoñece cada ano o labor cultural, o ensaísta e colaborador de La Voz de Barbanza Maxi Olariaga, no eido da traxectoria cultural no Barbanza; o Museo do Mar de Noia, na iniciativa cultural no Barbanza; e o polifacético ribeirense Quico Cadaval, no ámbito da cultura galega, van ter a honra de recoller os respectivos sereos deste ano nun acto que se celebrará o vindeiro sábado en Porto do Son.

O xurado, reunido esta semana, fixo o reconto dos votos emitidos polos socios da entidade. Nos dous primeiros apartados, o resultado final foi moi apertado, non así no terceiro.

Maxi Olariaga impúxose á pintora de Corrubedo María José Paz, Maralla; e ao escritor e columnista de Palmeira Francisco Antón Vidal. Pola súa banda, o Museo do Mar de Noia gañou fronte a Leñaverde (Centro Social de Boiro) e a Asociación Cultural Terra de Outes. Quico Cadaval quedou por diante do pintor noiés Manel Romero e da escritora de Porto do Son Blanca-Ana Roig.

Como establecen as bases deste certame, os dous aspirantes aos premios que non resultaron galardoados pasan automaticamente a formar parte da terna da vindeira edición.

Por outra parte, na mesma votación, os socios tamén fixeron as súas suxestións de candidatos para o 2017. Tendo en conta as propostas, no apartado da traxectoria cultural no Barbanza, aos dous citados súmase o músico de Palmeira Enrique Paisal, fundador de Los Tamara e director da Coral Polifónica Municipal de Ribeira, entre outros méritos. Na iniciativa cultural no Barbanza, completa as opcións a Asociación Francisco Lorenzo Mariño, de Aguiño; e na cultura galega, o director da editorial Toxosoutos, Clodio González, rivalizará con Romero e Roig.

Cos tres premiados da edición deste ano, a Asociación Cultural Barbantia xa recoñeceu a trinta persoas ou entidades que destacaron polo seu esforzo a prol do desenvolvemento cultural tanto a nivel comarcal como autonómico.

A entrega dos sereos terá lugar o sábado 3 de decembro na Casa de Cultura de Porto do Son ás 12.30. Xa teñen confirmada asistencia a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín; e o alcalde da localidade, Luis Oujo. Na mesa estarán, así mesmo, a socia da entidade Pilar Sampedro e o presidente, Xesús Laíño. Trala entrega celebrarase un xantar de confraternidade para socios e premiados. Os interesados en asistir poden anotarse a través do mail barbantia@barbantia.org ou contactando co coordinador.