«A Xunta estará á altura das demandas que se produzan»

Asegura que o novo cargo o colleu por sorpresa, pero xa está metido de cheo nas súas responsabilidades


A Coruña / La Voz

Ovidio Rodeiro Tato (Boqueixón, 1972) acaba de ser nomeado delegado territorial da Xunta para A Coruña. O político popular iniciouse no movemento asociativo xuvenil e foi durante seis anos director xeral de Xuventude. Tivo acta de concelleiro na súa vila, da que era alcalde desde o ano pasado tras acadar a maioría absoluta nas últimas municipais. Licenciado en Maxisterio, traballou no ámbito da formación e na atención a maiores.

-¿Contaba con este nomeamento?

-Foi de sorpresa, unha proposta coa que me sinto honrado de poder asumir esta responsabilidade.

-¿Xa se puxo ao día sobre os grandes retos da provincia?

-Estamos tendo unha primeira toma de contacto cos funcionarios e xefaturas territoriais. E xa estamos a darlle continuidade a algún dos temas que levaba o anterior delegado.

-¿Como chegou á política?

-Pois sen querer, porque non contaba. Sempre me gustou viaxar e no meu concello constituín unha asociación xuvenil de mobilidade internacional. Aí iniciei a miña participación pública. O tecido asociativo é a mellor escola de formación e de cidadanía. A partir de aí fóronme invitando a participar da política, e até aquí.

-Tamén pasou pola Xunta.

-Fun director xeral desde o 2009, aprobando a primeira lei de xuventude de Galicia, que non existía, e fixemos verdadeiros programas de participación xuvenil. A participación é fundamental, canta máis xente se implique en todo, máis acertaremos no futuro. Renovamos como nunca se renovou en España a política de mocidade dándolle un protagonismo especial a quen o ten que ter, os mozos.

-Vostede é do PP e nas principais cidades da provincia gobernan as mareas. ¿Como levará a relación cos seus representantes?

-Por parte da Xunta a liña é clara: non miramos ningunha cor, estamos para traballar e resolver os problemas de todos os cidadáns. Esa é a miña intención. Non hai que partir con prexuízos, traballarei da man cos concellos. E tentarei buscar sempre os puntos de encontro.

-¿Tivo xa contactos co goberno local de A Coruña?

-Aínda non pero será inmediato. Atopeime xa con outras entidades.

-¿Cales son os retos da Xunta na cidade e no resto da provincia nos vindeiros catro anos?

-Pois por exemplo executar a obra da intermodal, e tamén investimentos en educación. Temos o compromiso da conselleira de mellorar a planta de Nostián e moitas máis. A Xunta estará á altura das demandas que se produzan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A Xunta estará á altura das demandas que se produzan»