Un loitador pola dinamización da nosa lingua

La Voz

BARBANZA

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín en Artes, Ribeira, en 1980. Na actualidade ando a medio camiño entre Compostela e Carballo, onde traballo. Por iso vivo en Bembibre, no Val do Dubra, aínda que non deixo de ir a Artes, de onde son, sempre que podo.

Licencieime en Filoloxía Galega na USC no ano 2003. Desde ese momento participei na posta en marcha de diversos proxectos de dinamización do idioma e, tamén desde ese mesmo 2003, traballo como técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, desde onde se impulsaron proxectos como o Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, Literactúa, Youtubeir@s, o proxecto Apego, a Praza dos Libros, o Club de Debate, etc., e desde onde tamén se colabora co desenvolvemento doutros de ámbitos máis sociais ou culturais.

En 2008 a Xunta de Galicia encargoume dirixir o Culturgal, para converter na feira galega das industrias culturais (libro, música, audiovisual, novas tecnoloxías, artes escénicas...) o que ata o momento era un evento centrado principalmente no libro.

Normalización lingüística

Tamén fun, desde 2007 ata 2016, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), a entidade que agrupa as persoas que traballamos para o incremento do uso e do prestixio da lingua do país, principalmente desde as entidades públicas.

Gústame imaxinar proxectos e facer o posible para que cheguen a ser unha realidade, principalmente idear, planificar e desenvolver proxectos sociais en que se poña en valor a lingua galega e que contribúan ao incremento do seu uso e prestixio social. Así naceron desde os diversos ámbitos nos que traballo cousas como Apego, un proxecto para a socialización en galego da infancia, no que agora mesmo participan 23 concellos; Gústame o galego, unha campaña de posta en valor e positivización da lingua de grande impacto nas redes sociais entre 2012 e 2014; Agasallo.eu, unha plataforma para a recomendación de regalos en galego; Como cho digo ;-), unha campaña para a visibilización do galego na comunicación; o LGx15, un proxecto de ideas para o futuro da lingua a través de charlas e vídeos; Youtubeir@s, para a incentivación e difusión de vídeos en galego na rede, etc.