O ADN cultural galego

VÍCTOR BARBEITO POSE

BARBANZA

A arte rupestre esmorece ante a pasividade social e a incapacidade institucional

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns meses (re)vivimos unha traxedia que xa é habitual: os lumes forestais; segundo parece, as causas son un galimatías no que non teño opinión experta, pero si a teño das consecuencias deses lumes, mais da xestión que se está a facer do monte.

O último lume en Porto do Son afectou un centenar de xacementos arqueolóxicos, principalmente ducias de rochas con figuras gravadas que son unha das manifestacións culturais máis importantes da Prehistoria europea. Unha marca de identidade de Galicia e do galego sen parangón. Podemos atopar motivos da arte rupestre galaica formando parte da imaxe corporativa de empresas, organismos públicos, institucións, incluso na moda, por canto é un alarde de galeguidade.

Actualmente, inmersos na globalización, xa non sabemos se celebramos Defuntos, Samaín ou Halloween; nun momento no que estamos a perder sinais de identidade, como son as tradicións, os costumes, a lingua… que se forxaron ao longo de décadas, séculos e milenios; que deixamos de gozar do noso para consumir o alleo, desfacéndonos dun impresionante e extraordinario legado cultural do que nos deberiamos sentir fachendosos, como algo realmente espectacular, único e irrepetible; presumir de algo grandioso, sensacional, xenial, que fai abrollar sentimentos como a emoción ou a admiración polos nosos devanceiros. Testemuñas dun tempo que sobreviviron ao longo de máis de 4.000 anos nun equilibrio harmónico, para agora por desidia, incompetencia, cobiza, abandono e indiferenza truncarmos o seu futuro e a súa supervivencia, rachando cunha herdanza milenaria, cun sinal de identidade galego como poucos.

Situación dramática

A situación é dramática; o Barbanza, e o Son en particular, é unha das comarcas que forman parte do top ten da arte rupestre galaica, con fermosísimos exemplos; conxuntos espectaculares de deseños xeométricos, escenas cinexéticas, escenarios onde se conxugan crenzas, mitoloxía, rituais, simboloxía dos nosos devanceiros, que engrandece Galicia cun patrimonio cultural de primeira categoría.

En xeral, todo o mundo arreda do patrimonio, véndoo como algo problemático, alleo a el, como un estorbo para o desenvolvemento da actividade produtiva, esa que pretende plantar piñeiros enriba das pedras, considerando que o monte só vale para producir piñeiro e eucalipto e, no mellor dos casos, gando.

As administracións miran cara a outro lado, especialmente aquela que ten a maior parte das competencias e, polo tanto, das responsabilidades; iso si, esixindo pulcritude e decoro ao/á administrado/a nas actuacións que poidan ocasionar algunha alteración sobre os bens culturais, pero que, cando se require que actúe consecuentemente co propósito que xustifica a súa existencia, que é velar polo interese xeral, practica o deixamento de funcións.

Tampouco a responsabilidade social empresarial se deixou engaiolar: usou como imaxe corporativa algunha das figuras máis senlleiras sen que se preocupase por corresponderlle. Tense traballado arreo para aflorar un patrimonio único, sensacional, nado en tempos remotos, e que hoxe nos debería encher de xúbilo, de euforia e ledicia; e, non obstante, agoniza.

Os últimos lumes afectaron un centenar de xacementos arqueolóxicos en Porto do Son