A batuta do mestre Xosé España encheu de sons Casa Pachín

Jose Manuel Jamardo Castro
J. M. Jamardo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Recibiu unha homenaxe da asociación cultural Barbantia o día da patroa dos músicos, Santa Icía

24 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Era día de fútbol pero non importaba moito. Algúns curiosos ollaban a televisión de pasada en Casa Pachín, en Taragoña, mentres esperaban a que comezara o acto de homenaxe ao mestre e músico Xosé Ramón España, todo un referente na parroquia pois foi o «culpable» de que moitos nenos e nenas comezasen a soprar e a dar golpes aos instrumentos.

A Asociación Cultural Barbantia tiña que recoñecer o labor deste home. Como dixo un dos seus membros, Xoán Pastor Rodríguez, «teno máis que merecido». Explicou que había tempo que estaban a traballar nel. Para iso encargáronlle unha caricatura ao escultor Che Tembra, un auténtico artesán cunhas mans prodixiosas para retratar en metal calquera personaxe.

Moito silencio antes do acto no mesmo bar. As portas do salón, pechadas, para evitar que o público entrara antes de tempo. O primeiro tiña que ser el, Xosé España. Había un segredo dentro. Un grupo de exalumnos estaban a agardalo. Era a sorpresa da noite. Cando pisou o recinto comezou a soar una peza clásica, Ponteareas. O homenaxeado non puido mais que mostrar unha cara de asombro cando se atopou con case vinte rapaces, xa maiores, tocando pezas que ensaiara tantas veces con eles.

O acto coincidiu, precisamente, co día da patroa dos músicos, Santa Icía. Ademais, o mestre cumprira o luns 89 anos, a maioría deles dedicados á maxia da música, á ensinanza e á composición. Así que a xornada prestábase para ofrecerlle un sentido e cariñoso recoñecemento.

Un público agradecido

Palabras e discursos houbo moi poucos. Case nada. E foi a música o tema central dunha festa emotiva que contou cun público entusiasmado co homenaxeado. Amigos, familiares, coñecidos e persoas ás que ensinou a tocar emocionáronse cando case o obrigaron a dirixir unhas palabras aos presentes. Antes, o presidente de Barbantia, Xesús Laíño, agradeceu a asistencia e acompañou a Che Tembra a entregarlle o agasallo da caricatura. A recomendación do artista foi sinxela: «Para que a colgues na cabeceira da cama».

Non había que perder tempo. As notas musicais volvían a facer mover os pes do público. Nesta ocasión non podía faltar unha peza do homenaxeado, Rías Baixas, que fixo tremer ata as cadeiras do restaurante.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, non quixo perder a ocasión para estar xunto a un dos músicos máis importantes da comarca. Foi moi parco en palabras porque «non hai mellor homenaxe que a música para definir a un home que nos fai máis felices coas súas composicións e actuacións», dixo.

Un traballador

Fíxose o remelón todo o que puido, pero ao final non lle quedou máis remedio que falar. España púxose en pé e coa voz moi baixiña pola emoción agradeceu a presenza da xente e apuntou que «non merezo isto. Fun un traballador da música. Gústame ensinar e compoñer».

O mestre contou como se lle meteu no corpo a música. Recordou que cando era un cativo vivía ao lado da capela de San Ramón onde tocaba a banda de música de Bealo, fundada por seu tío Xosé hai uns cen anos: «Fíxome soñar esas noites. Non era capaz de durmir e aí souben que me dedicaría á música».

O acto acabou como tiña que acabar. O mestre achegouse aos seus ex-alumnos para dirixilos unha vez máis coa súa batuta e sabedoría. Foi unha homenaxe curta, sinxela pero moi emotiva. Xosé Ramón España Lorenzo esbozou un pícaro sorriso nunha xornada na que foi o protagonista, tanto el como a súa música.

Un dos seus alumnos, Manuel Bandín, expuxo un traballo seu, unha imaxe de Santa Icía feita coa raíz dunha ameixeira que tiña na horta e que a súa familia tivo que arrincar. Todo un éxito.