Déficit público

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

22 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que nas oficinas do concello pobrense eramos cinco, coma na Quinta del Buitre: Cerqueiras, Mirás, César, Julia e máis eu. As nosas ferramentas eran bolígrafos, lapis, máquinas de escribir, calculadoras e unha multicopista. Formabamos un equipo moi coordinado e multifuncional, polo que ningún veciño era desatendido en caso de ausencia xustificada. Gañabamos moi pouco en comparanza co sector privado, pero tamén traballabamos trinta horas semanais cando nas empresas traballaban corenta, polo que algúns botamos man do pluriemprego. Anos despois o goberno dispuxo que pasaramos ás trinta e sete horas e media dos funcionarios do Estado cun pequeno reaxuste retributivo.

Preocupado pola esixencia da UE para que rebaixemos o noso déficit público ocorréuseme cuantificar o custo da diferenza entre a xornada dos funcionarios públicos -moscosos e canosos incluídos- coa dos traballadores do sector privado e, tomando os datos da enquisa da poboación activa (EPA) do terceiro trimestre deste ano, segundo a cal o salario medio dos algo máis de tres millóns de servidores públicos é de 36.600 euros/ano (o salario medio dos traballadores por conta allea no privado foi en 2015 de 26.259 euros) arroxou a cantidade de algo máis de dezasete mil millóns de euros (17.140.080.000) ¡cada ano!.

Manteño aquel axioma de que prefiro un mal funcionario que un bo político, quedando reforzado e non sendo contraditorio cos datos reflectidos nesta análise. Pódese entender que o PP non afrontase este tema en solitario. Agora queda ver a responsabilidade dos demais partidos.