Recibe o galardón unha versión galaica dun clásico de Mark Twain

Alexandra Martínez, autora do relato vencedor, é unha cántabra que aprendeu a lingua en tan só dous anos


Alexandra Martínez Martínez fala o galego como se pasase toda a vida escoitándoo, sen embargo só leva dous anos en Compostela, tempo dabondo para namorarse da lingua e empezar a empregala nunha das súas paixóns, a escrita. Esta cántabra de 31 anos, que escribe baixo o alcume de Álex Bayorti, resultou a vencedora, da décimo quinta edición do certame literario Antón Avilés de Taramancos coa obra Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, unha versión galaica protagonizada polas personaxes creadas por Mark Twain.

O autora do relato gañador recibirá hoxe, ás 12.30 horas, o premio nun acto que terá lugar no salón de plenos da casa consistorial de Noia presidido polo alcalde, Santiago Freire, e o concelleiro de Cultura, José Pérez.

Este proxecto literario en concreto, conta Bayorti, «saíu das experiencias vivas», das moitas excursións que ten realizado á Costa da Morte. «Imos moitísimo ao monte Pindo e apaixónanme as historias celtas», di a escritora, quen por outra parte recoñece que «de sempre me gustaron os contos de Tom Sawyer e Mark Twain paréceme un xenio».

Nova aventura adulta

Así naceu Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, unha historia que arranca á parella literaria das augas do Misisipi para traelos á costa galega, onde Huck é un contrabandista e Tom mariscador, entre outros oficios. Logo de dez anos erráticos, xuntaranse nunha nova aventura en busca da trabe de ouro.

Non era este o primeiro certame ao que se presentaba a traballadora social que acabou como redactora de contidos no ámbito do márketing. «Levo tantos anos enviando a concursos escritos, tanto en castelán como nos últimos anos en galego, que non pensaba que podía chegar a gañar un», recoñece Bayorti.

Curiosamente, non o conseguiu coa súa lingua nai, pero si na adoptiva, que foi aprendendo a forza de xuntarse con galegofalantes. «Isto motiva a continuar escribindo e quero seguir facéndoo en galego», sentencia a autora galardoada quen, ata o de agora, tiña publicado un relato en castelán e colaborado nun poemario conxunto.

Entre os seus proxectos a curto prazo está publicar unha versión novelada, máis extensa, da obra que obtivo este ano o premio Avilés de Taramancos, certame organizado polo Concello de Noia e a revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar.

Cos cartos que obtivo, Bayorti explica que fixo este verán, despois de coñecer o faio, unha viaxe en furgoneta ata Nordkapp (Noruega).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Recibe o galardón unha versión galaica dun clásico de Mark Twain