«Queremos recuperar a ilusión de recibir algo máis que facturas no buzón»

A docente xa realizou anteriormente unha actividade con postaleiros en Ribeira


carballo / la voz

A súa paixón polas cartas converteu a Diana Pastoriza Espasandín (Santa Comba, 1980), profesora do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI, de Santiago), nunha embaixadora do postcrossing en Galicia, e os seus vencellos co Concello de Cabana, lugar onde deu os seus primeiros pasos no eido laboral, propiciaron que a localidade bergantiñá se convertera, o sábado pasado, na sé do segundo encontro autonómico na materia. O primeiro fora o pasado mes de abril en Ribeira, onde exerce como xefa de estudos da Escola Oficial de Idiomas.

-¿En que consiste isto do «postcrossing»?

-Realmente xurde cunha páxina web que foi creada polos nosos compañeiros portugueses para promover e fomentar a escrita creativa de postais e o intercambio con distintas persoas arredor do mundo. Xa hai uns 650.000 membros e do que se trata é de enviar postais a outros membros ao chou. Tamén ten unha parte dixital coa que se rexistran esas postais na propia páxina.

-¿Como comezou a súa paixón polas postais?

-Son filla de emigrantes e cando volvín para Galicia, aos seis anos, a única posibilidade que tiña de manterme en contacto coas miñas amigas e os meus amigos da infancia era a través das postais e as cartas. Así que desde sempre na miña casa houbo ese costume de escribir postais de xeito regular. E despois, xa como profesora, pareceume moi interesante polas súas posibilidades didácticas.

-¿Que beneficios ten?

-O beneficio a nivel persoal é recuperar esa parte palpable da comunicación por carta e a ilusión de recibir algo máis de facturas no teu buzón. Serve moito para traballar a competencia lingüística, sobre todo en inglés. A práctica do postcrossing ten como dúas vertentes: escribirme coa xente que xa coñezo, pero tamén escribir postais de xeito aleatorio a persoas de todo o mundo e isto permite mellorar moitísimo a competencia en inglés, que é a lingua que se adoita empregar. Tamén fomenta a creatividade, a parte artística, e permite desconectar porque cando un escribe require unha concentración alta, pensar no destinatario ao que lle vas escribir e, ademais, nunha postal, na que o espazo é reducido, cada palabra conta. E tamén é unha homenaxe á tradición, porque non hai que esquecer que os nosos avós e os nosos pais empregaban este medio de xeito moi habitual. As postais e cartas teñen unha dimensión case inmortal porque perduran entre nós.

-¿Terán continuidade estes encontros?

-Eu penso que si. É algo que se está estendendo e a xente que se rexistra na páxina afeccionase a este mundo da escrita de postais ao final busca este tipo de encontros. Noutros países fanse de xeito case mensual, como Alemaña, Holanda ou Rusia, que é de onde son a maioría dos membros. Eu tamén teño a esperanza e a ilusión de que aquí se recupere e penso que xa vai en alza porque a nosa idea era facer un encontro anual e xa imos polo segundo este ano.

-¿Cantos usuarios hai rexistrados en Galicia?

-En España hai uns 6.000, dos que 458 son de Galicia. Eu estou en contacto coa persoa que leva a páxina web, Paulo Magallaes, e el está convencido de que en España hai moi poucos usuarios porque a competencia lingüística en inglés é baixa, pero eu estou un pouco en desacordo. Penso que é máis ben porque tendemos a asociar a escritura con algo tedioso, cousa que non pasaba cas xeracións previas.

-¿Que balance fai do Encontro de Cabana?

-Quedamos moi contentos e moi satisfeitos porque calquera encontro deste tipo que atrae o interese do público e, sobre todo, dos adolescentes, é moi positivo. Quedamos con gañas de seguir levándoo a outros concellos onde poida interesar.

«Tendemos a asociar a escritura con algo tedioso, cousa que non pasaba coas xeracións previas»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Queremos recuperar a ilusión de recibir algo máis que facturas no buzón»