Formou o Sindicato de Estudantes para plantar cara a unha nova lei da educación que considera inxusta
25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.José Andrés Lojo asegura que o de ir contra o que el considera inxustizas lle vén desde pequeno. É animalista, ecoloxista e preside o Sindicato de Estudantes (SE) en Barbanza, unha delegación que el mesmo impulsou haberá uns cinco meses e que encabeza a protesta estudantil que haberá na comarca en contra das reválidas e da Lomce. Nacido en Palmeira e veciño agora de A Pobra, recoñece que nunca foi bo estudante, cursa primeiro de bacharelato con 18 anos no IES Número Un de Ribeira e o seu carácter batallador o levou este ano ao consello escolar como representante do alumnado. Foi cando empezaron a enviarlle información os sindicatos en Compostela sobre a lei do exministro Wert cando decidiu que alguén tiña que mobilizar aos estudantes da comarca.
-Mañá haberá dúas mobilizacións en Ribeira, unha organizada polo SE e outra por Confapa, ¿que levou ao sindicato a montar a súa propia protesta?
-Convocamos esta manifestación porque sabemos que vai haber moita xente. A maioría dos alumnos, practicamente todos, estamos en contra das reválidas, esta tolería do PP. Pensamos que, cantas máis protestas, mellor. Así ten unha maior visibilidade a nosa oposición a este sistema.
-¿E non sería máis produtivo que pais e alumnos uniran forzas na mesma mobilización para que se vexa un grupo maior?
-Nós tamén convocamos aos pais, amigos e todo veciño interesado a vir á manifestación que organizamos pola mañá. Porque, ao final, o que se está xogando é o noso futuro, o de todos, porque as pensións dos maiores sairán do noso traballo. E, do mesmo modo, pola tarde pensamos unirnos á concentración de Confapa.
-Nas últimas semanas instouse dende o SE a que os institutos da comarca se concentrasen contra da Lomce, ¿como valoran a resposta?
-Moi boa, a verdade. Como xa se esperaba, a maioría da xente acabou concentrándose porque estamos fartos de toda esta metralla que nos están metendo. É máis, a partir de que comezamos a organizar a folga, pasamos de ser tres no sindicato a unha ducia e de ter presenza non só en Ribeira, tamén en Boiro e A Pobra, e esperamos facelo en Rianxo e Porto do Son.
-Habitualmente, e proba diso está nas últimas reválidas celebradas en Barbanza, nos centros públicos un 90% do alumnado participa na folga e nos concertados é unha minoría, ¿que se pode facer ante esta tendencia?
-Está claro que nos privados mandan os pais e os rapaces fan o que eles lles din e creo que responde a unha tendencia política. Se votas ao partido que defende esa lei e esas reválidas non vas permitir aos teus fillos que se manifesten en contra delas.
-¿Como se están a vivir dentro das aulas as xornadas previas á manifestación?
-Con moito entusiasmo. A min alégrame moito que me cheguen polo WhatsApp e outras redes sociais cadeas que non foron creadas polo Sindicato de Estudantes animando a facer folga o mércores (por mañá). Nós, evidentemente, fixemos a convocatoria por estes medios para mobilizar á xente, pero xurdiron outras alleas á organización, promovidas polos propios alumnos. Dende o sindicato énchenos de orgullo ver que os estudantes queren loitar. A xente está farta de todo isto.
-¿Que outros obxectivos se marca o sindicato en Barbanza?
-Crecer e conseguir que todos os estudantes de Barbanza cheguen a ter unha ideoloxía propia, non condicionada polos seus pais, sexa ou non a nosa, pero que estean informados e respondan con argumentos formados por eles mesmos ás circunstancias que os afectan.